O BNG di que a visita de deputados do PP ás obras do CIS “non ten antecedentes como utilización perversa dunha institución para fins partidistas”

“Actuan así pola desesperación que teñen por ver que van perder o goberno nas próximas municipais”, di Vilariño.
Redacción
febrero 17, 2023

O candidato do BNG, Francisco Vilariño, censura a visita realizada polo grupo parlamentario do PP ás obras do CIS de Lalín. Afirma que “non ten antecedentes como utilización perversa dunha institución para fins partidistas”. Ademais “carece de toda ética e é unha falta de respecto á veciñanza”.

“Querer confundir e asimilar a institución co partido non ten precedentes, nunca se pasou esa barreira dunha forma tan descarada”, advirte Vilariño.

O voceiro nacionalista considera ademais especialmente grave que se faga no tema da sanidade, unha cuestión na que, “nestes catro anos, o PP pouco ou nada ten que vender ou presumir”.

Por contra, incide en que “se hai algo que lle ten que sacar as cores aos populares é a destrución sistemática da sanidade pública no noso concello con innumerables recortes, se nova ambulancia e máis listas de agarda”. Tamén con “un centro de saúde apuntalado e con medidores de gretas: alí é onde deberían ter feito a foto”, sinala.

Nesta situación, afirma que o CIS “non é unha mellora, porque non hai alternativa ao centro de saúde”. Tras lembrar que co PP leva tres anos de retraso, Vilariño di que “non queremos que sexa unha simple cambio de ubicación, senón que dispoña de máis persoal, especialidades e servizos, como moitos que se foron suprimindo nos últimos anos”.

O BNG pedirá explicación pola visita “partidista” no pleno do Concello e no Parlamento ao tratarse de unha visita que “traspasa a liña cun desembarco de cargos institucionais do PP, como se fose o PP quen paga as obras e non os cartos públicos dos veciños”.

“Actuan así”, conclúe Vilariño, “como resultado da desesperación que teñen por ver que van perder o goberno nas próximas municipais”.

Novas relacionadas