O BNG de Vila de Cruces reclamou hoxe que se active a comisión de investigación sobre o legado Hilgen.
No mes de novembro o BNG presentou unha proposta para a creación da comisión de investigación sobre a desaparición dos mapas do Legado cedido polo concello de Lalín en 2012.
En dita comisión, “que o grupo de goberno votou en contra e o Partido Popular se abstivo”, saíu adiante constituída polos voceiros municipais e a secretaría municipal.
Nela aprobouse unha temporización para a recollida de información, a posta en común da mesma, e unha serie de interrogatorios do persoal que estivo relacionado co préstamo da exposición, entre eles os concelleiros do PP e traballadores municipais, co fin de dar traslado á Valedora do Pobo e ao Concello de Lalín.
“Ata o de agora nada se fixo”, denuncian, “e a actitude do desgoberno de Xuntos é a mesma que a do goberno do PP de Otero, silencio absoluto, e un total abandono institucional que leva a Vila de Cruces a unha situación de desprestixio e irresponsabilidade, e totalmente vergoñento vendo como o concello de Lalín levará aos xulgados o caso”.
Dende o BNG de Vila de Cruces din que “non cesaremos en exixir responsabilidades, e insistiremos coa consecución da comisión de investigación”.