O BNG de Vila de Cruces alertou de que “o servizo da Biblioteca leva pechado case dous meses por causa dunha baixa laboral”.
Afirman que “o Concello, en lugar de subtituír a esa persoa para seguir mantendo o servizo, foi ao fácil pechando a Biblioteca sen aportar solución”.
O grupo de Álex Fiúza quere trasladar “esta urxente demanda por parte da veciñanza ao goberno de Luís Taboada, quen non está a resolver os problemas que se presentan, senon máis ben, prolóngaos no tempo”.
Explican que esta situación vén de finais de 2021. Dende o 13 de Decembro non existe o servizo. Na porta da biblioteca figura un novo horario de 18:30 a 20:00, “o cal se incumpre, pois algún día desta semana estivo pechada”.
Din os nacionalistas que se trata “dun espazo de gran versatilidade, non só como lugar de préstamo”. Moitos pais e nais agardan alí que as crianzas rematen as actividades lendo, mozas e mozos quedan na biblioteca para facer os deberes, traballos e demáis. Moita xente utiliza a sala de informática ben pola conexión a internet ou ben para facer traballos de clase.
“É”, sosteñen, “un espazo vital para moitas rapazas e rapaces”.
O servizo de préstamo pertence á Rede de Bibliotecas de Galicia e “os usuarios están sendo sancionados, o que conleva non poder desenvolver actividade en bibliotecas doutras vilas pertencentes a esta rede”.
O BNG tamén quere trasladar ao “minigoberno que deberan ter informado desta situación a través dun bando municipal, pois vivimos nun contexto rural no que se fan distancias de 10 km ou máis para ir á vila e as familias encóntranse coa porta da biblioteca pechada no momento en que chegan alí”.
Din que “non é propio do correcto funcionamento dos servizos dunha vila, xa de por si escasa de espazos interiores de convivencia durante a maior parte do ano”.