O BNG de Lalín inicia un proceso de participación aberto para a elaboración do programa electoral

Din que nos atopamos "diante dun goberno municipal totalmente esgotado e que goberna para unha minoría de amigos, deixando esquecidos os intereses da maioría social"
Redacción
febrero 22, 2023

O BNG de Lalín abríu un proceso de participación para a elaboración do programa electoral para as próximas eleccións municipais.

Manuel Carbón é o coordinador do programa electoral e explica que “queremos abrir o proceso para coñecer que a cidadanía pode opinar e mostrar o seu punto de vista sobre a situación e permitir así que a cidadanía poida opinar e mostrar o seu punto de vista sobra a situación actual. Somos conscientes de que hai cuestións básicas nas que hai que traballar, sobre todo en medidas que fomenten o emprego, rural, mocidade, sanidade, modelo urbano, etc, pero estamos seguros de que todas as aportacións nos serán moi válidas e todas elas serán tidas en conta”.   

Di que nos atopamos “diante dun goberno municipal totalmente esgotado e que goberna para unha minoría de amigos, deixando esquecidos os intereses da maioría social, situación que nos obriga a poñer o acento en cambiar radicalmente as políticas económicas e sociais. Estamos convencidos que é posible darlle solución aos numerosos problemas que padece a nosa cidadanía poñendo en valor os nosos recursos naturais, territoriais e humanos”.

Apunta Manuel Carbón, que “hai tempo que estamos preparando o programa pero queremos que sexa de todos e de todas, canta máis xente participe na elaboración do mesmo moito mellor. Sempre cos criterios que ten que pasar polos códigos éticos do partido ademais de ser propostas viables para a súa execución”.

Desde o BNG animan á veciñanza “a imaxinar o concello que queren para elaborar así un programa de goberno capaz de poñer os cimentos para avanzar na dirección de ter un Lalín do que todos e todas estén orgullosos”.

Carbón lembra que apostan “pola coherencia nas propostas e que sexan reais e realizables”. Desde o BNG de Lalín existe o compromiso de que o programa electoral “sexa un contrato de obrigatorio cumprimento e que a cidadanía poida esixir que se respecte”.

Todas aquelas persoas que queiran participar na elaboración do programa electoral poderán facelo desde hoxe mesmo a través das redes sociais do BNG local. “Será posible e moi sinxelo de facer a través dun formulario totalmente anónimo onde calquera lalinense pode aportar as súas ideas”, din.

Os nacionalistas márcanse como obxectivo a redacción dun programa “aberto á cidadanía seguindo o traballo feito nos últimos anos, escoitando aos veciños e veciñas para devolver a ilusión, liderazgo e confianza que Lalín nunca debeu perder”.

Novas relacionadas