O BNG advirte de que a tramitación dos parques eólicos de Porcallos e Val do Folgoso “avanza sen novidade”

Din que a resposta do Goberno ás preguntas parlamentarias “non dá pé a ficar tranquilos e non se pode dar por pechada esta ameaza”.
Redacción
octubre 20, 2021

Segundo a resposta do Goberno central á pregunta escrita formulada polo BNG no Congreso a respecto do parques eólicos de Val do Folgoso Monte dos Porcallos, “dáse a entender que a súa tramitación continúa e avanza sen novidade, e que a súa autorización queda supeditada ao resultado da avaliación ambiental, procedemento para o que din que debe respectarse pois é un dereito que lle asiste a empresa promotora”.

Así explica o BNG a súa preocupación polo avances destes dous proxectos eólicos que afectarían ao Concello de Lalín. Na resposta á pregunta parlamentaria”tamén se di que actualmente dito trámite está en fase de resolver e que se a empresa cumpre o expediente continuará avanzando”.

O BNG considera que nestes momentos a posibilidade da construcción dos dous parques “é tan real coma o primeiro día no que saltou o anuncio” e insisten na “preocupación de que estes expedientes se estean a tramitar cunha normativa de avaliación ambiental, que para este tipo de instalacións, resulta moi permisiva”.

Os nacionalistas explican que “paradoxalmente, a normativa pola que se pode autorizar ambientalmente estes parques acaba de anunciarse (o día 15 deste mes), por parte do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica “para garantir avaliacións de impacto ambiental máis esixentes”, de modo cabe preguntarse se a actual normativa non o é”.

“Sexa como sexa”, insiste o BNG, “estes dous parques eólicos en zonas agrícolas de Lalín avaliaranse coa norma actual, logo máis permisiva, e para o BNG de Lalín a preocupación é máxima”.

“Que o goberno trate de reducir este problema a un escenario únicamente administrativo non dá pé a ficar tranquilos e non se pode dar por pechada esta ameaza”, conclúe.

Novas relacionadas