Sucede practicamente cada vez que chove, pero curiosamente onte tampouco foi unha xornada de chuvia especialmente intensa. Con todo, pola tarde producíase no Asneiro un novo episodio de vertido de augas fecais procedentes da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Botos, que gravou un veciño do municipio.
Como pode verse nas imaxes a depuradora verte directamente ao río unha gran cantidade de augas sen depurar que deixan o curso cun feo ton marrón. Ao parecer, isto prodúcese porque a instalación non é capaz de asumir toda a cantidade de auga que lle chega pola rede de sumidoiros.
Son feitos continuados que seguirán sucedendo mentres desde a administración non se poña solución ao pésimo funcionamento desta instalación depuradora. A este tipo de vertidos súmanse outros de puríns e industriais que o Asneiro sofre cada pouco tempo e que o converten nun dos ríos máis contaminados da comarca.