Nova polémica pola sinalización do Camiño de Inverno ao seu paso por Lalín

Instalan sinais verticais e pintan frechas amarelas na rúa do Rodo e na travesa da Ponte, por onde nunca foi o trazado tradicional.
César Carracedo
febrero 11, 2022

A delimitación urbana do Camiño de Inverno ao seu paso por Lalín segue a dar que falar. E non por nada bo, senón pola súa falta de precisión, rigor e respecto á tradición.

O último capítulo da polémica prodúcese tras a colocación de novas sinais xacobeas por algunhas rúas que -á falta aínda dun trazado oficial- non forman parte do percorrido tradicional e histórico.

Neste caso, falamos da colocación de sinais verticais e pintado de frechas amarelas na rúa do Rodo e, xa cara o Pontiñas, na travesa da Ponte, dous lugares polos que seguramente non se viu pasar nunca un peregrino. En definitiva, “un cachondeo”, como o definen algúns.

A situación non é nova nin moito menos. Xa en xuño do ano pasado se xerara unha importante controversia pola “aberrante” delimitación urbana do Camiño de Inverno ao seu paso por Lalín. Daquela, a sinalización evitaba lugares con evidencias históricas de paso de peregrinos en beneficio doutros escollidos sen criterio coñecido.

Agora volve pasar o mesmo noutra zona de Lalín, que, polo que deben pensar algúns, é unha vila na que todos os camiños conducen a Santiago. O que non quere dicir, nin moito menos, que todos os camiños sexan rutas xacobeas.

Por iso, esta nova sinalización parece pouco xustificable e aínda menos comprensible.

Ou sobran sinais ou falta rigor á hora de colocalas.

Novas relacionadas