Mulleres con dereitos xa!

Manifesto lido na mobilización convocada por Azos Feministas en Lalín co gallo do 8M.
Redacción
marzo 9, 2022

NIN ESCRAVAS NIN HEROÍNAS, MULLERES CON DEREITOS XA!

Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!

Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias. Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias! que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.

Porque non queremos ter que discutir se a fenda salarial real entre homes e mulleres é do 19, do 23, 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque as mulleres máis novas están condenadas ao traballo escravista, parcial e precario, á exclusión social e á pobreza; e as maiores ao abandono, a soidade e á miseria, sen recursos e comunidades que as sustenten.

Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas, acosadas, humilladas, calumniadas, represaliadas ou xulgadas no lugar dos seus agresores.

Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai parar o día que acabemos con el.

Porque somos diversas e o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos segmentar, dividir e desartellar con violencias e discriminacións específicas, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que nos somete a maior explotación e cidadanías de segunda clase.

Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén todo un ecosistema e unha fonte de sustento para todas que o poder condena ao máis absoluto deterioro e abandono. Temos que apostar por nos relacionar co medio de forma radicalmente diferente, precisamos a soberanía alimentaria e enerxética para transformarmos o mundo e rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, a exclusión social e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos e sempre formaremos parte dos feminismos. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.

Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, porque nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais.

Hoxe, como hai catro anos, as galegas mobilizámonos no espazo público para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións a un sistema que ignora sistematicamente as nosas demandas:

  • Dicimos basta de remendos e tutelas institucionais que falan no noso nome ou nos usan como floreiro das políticas públicas sen solucionaren nada.
  • Esiximos unha vez máis que as políticas públicas deben ser deseñadas polos feminismos financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento.
  • Berramos que estamos fartas dun sistema educativo que reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias.
  • Demandamos unha educación pública de calidade e non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades.
  • Esiximos unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.
  • Reclamamos e exercemos o noso dereito á autodefensa en todos os ámbitos da vida.
  • Esiximos transformar radicalmente a forma en que nos relacionamos co traballo, combater o capitalismo e construír alternativas de vida para todas; para exercermos o noso dereito de vivir, de amar, de criar, de maternidade e de sexualidade, e para que todas e cada unha desas escollas conten con todas as garantías sociais para podermos desenvolvelas.
  • Demandamos que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.
  • Que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.
  • Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

Novas relacionadas