O PSdeG rexistrou unha moción para o seu debate no vindeiro pleno muncipal na que se pide instar á Xunta de Galicia para que leve a cabo as xestións necesarias para que se dote dun TAC ao CIS de Lalín.
Propoñen que para iso se aproveiten directamente os recursos e posibilidades que o Goberno de España pon a súa disposición a través do Plan INVEAT do Ministerio de Sanidade financiado con Fondos Next Generation EU ou que, no seu defecto, se reutilice algún dos equipos substituídos con dito Plan provisionalmente ata a instalación dun equipo avanzado.
A EXPOSICIÓN DE MOTIVOS DOS SOCIALISTAS
O CIS de Lalín, actualmente en construción -inda que paralizada nestes precisos momentos como xa é sabido-, ten que ser a infraestrutura que solvente os problemas relativos á Atención primaria de Lalín e ás consultas mais frecuentes de Atención Especializada. Concibido inicialmente como Centro de Alta Resolución (CAR) que contemplaba elementos, dos que xa non vai dispoñer trala rebaixa á CIS pola Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo, como Cirurxía Maior Ambulatoria ou Radioloxía con TAC.
Pese a non ser un Hospital como reclamaba o actual alcalde de Lalín en 2008 cando o socialista Emilio Pérez Touriño presidía a Xunta, considerando que lle parecía pouca a dotación dun CAR e que dita infraestrutura debía situarse como unha simple ampliación do actual Centro de Saúde, hoxe atopámonos cun CIS con menos dotacións que o CAR orixinal pero que curiosamente semella colmar as aspiracións sanitarias do alcalde para o Lalín dos vindeiros 25 anos.
Como xa se dixo, o CIS non vai contar cunha das tecnoloxías máis importantes e comunmente utilizadas en radiodiagnóstico como o TAC ou escáner, unha das probas radiolóxicas máis necesaria, máis común, e máis realizada. Son centos de lalinenses os que cada ano teñen que desprazarse a Santiago para realizarse un TAC coas conseguintes molestias, tempo perdido e desembolso económico. Non dotar desa infraestrutura o CIS de Lalín é, de facto, unha acción máis de privatización da Sanidade Pública.
Nestes momentos en que se está a construír o CIS, maioritariamente financiado polos fondos de Recuperación da UE e transferidos polo Goberno de España, non podemos permitir que se hipoteque o futuro sanitario de Lalín deixando pasar a oportunidade de dotar ó centro lalinense dun TAC.
O Ministerio de Sanidade, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, puxo en marcha o Plan INVEAT dotado con 795 millóns de euros que contempla o investimento en novos equipos avanzados de tecnoloxías sanitarias e que conta con accións como a compra de 86 TAC de última xeración que se van distribuír entre as CCAA, que serán as encargadas de decidir a súa ubicación.