Misa de funeral este sábado en Lalín por José Manuel Acevedo

O ex xogador e ex adestrador do Lalín faleceu de forma repentina o pasado domingo en Gijón
César Carracedo
septiembre 23, 2021

Este vindeiro sábado celebrarase na igrexa parroquial de Lalín unha misa de funeral polo eterno descanso de José Manuel Acevedo, o histórico ex xogador e adestrador do CD Lalín.

A cerimonia terá lugar ás cinco da tarde.

Desta maneira os seus numerosos amigos, achegados e coñecidos de Lalín poderán darlle o derradeiro adeus, posto que moitos deles non puideron achegarse a Gijón, onde faleceu este domingo e onde recibiu sepultura.

Acevedo chegou á capital dezá cando o Lalín se atopaba en 2ªB e desde entón convertiuse nun lalinense máis. Foi fichado por Nicolás González Aller tras xogar no Sporting B e no Avilés industrial. No Lalín xogou unhas 12 tempadas e tras colgar as botas mantívose ligado ao club traballando nas oficinas e posteriormente de adestrador en varias fases, tanto na canteira como no primeiro equipo co que chegou a disputar varias fases de ascenso.

Era un central de moita calidade que sabía sacar moi ben o balón xogado. Son moitos os que aseguran que puido ter xogado en categorías superiores a 2ªB. O seu carácter afable, a súa persoalidade, o seu carisma e a súa sabedoría sobre fútbol deixará pegada indeleble en moitos xogadores e afeccionados. O fútbol lalinense das últimas décadas non se entende sen a súa figura.

Novas relacionadas