Manuel Cuiña repetirá como candidato á alcaldía de Silleda co obxectivo de renovar a súa terceira maioría absoluta

O Partido Socialista presentarao o vindeiro domingo, 5 de marzo, nun acto que será ás 12:00 horas no auditorio da Fundación Semana Verde de Galicia
Redacción
febrero 25, 2023

O Partido Socialista de Silleda celebrará o vindeiro domingo día 5 de marzo a presentación de Manuel Cuiña Fernández como candidato á Alcaldía de Silleda para os vindeiros comicios municipais do 28 de maio.

A cita será no auditorio da Fundación Semana Verde de Galicia, ás 12:00 horas.

O actual rexedor silledense aspira a renovar a que sería a súa terceira maioría absoluta.

“Despois dunha fonda reflexión persoal, decidín volver concorrer como candidato para poder dar cumprimento a moitos proxectos que veñen de comenzar ou están xa en marcha e que servirán para seguir transformando o noso municipio”, sinala Cuiña. 

Despois de iniciarse na política no ano 2007, cando o Partido Socialista fixo historia no municipio ca primeira victoria electoral, Cuiña accedeu a Alcaldía en xullo de 2013, relevando a Paula Fernández Pena.

No 2015, nas primeiras eleccións ás que concorreu como candidato, os socialistas acadaron a maioría absoluta en Silleda, repetindo novamente o logro nas últimas eleccións municipais, en 2019.

“Avalado polas grandes mellorías na xestión municipal, destacando sobre todo as do ámbito económico (Silleda pasou de ser un dos municipios máis endebedados a ser o que mellor paga de toda a comarca) e por proxectos que seguen a ser referentes en toda Galicia, caso da Rede de Calor con Biomasa”, Cuiña, afronta a que será a terceira campaña electoral como cabeza de lista dos socialistas silledenses. 

“Temos a mesma forza, ganas e ilusión que hai 16 anos”, indica o alcalde, que está a traballar para confeccionar o equipo co que concorrerá aos comicios de maio, “co aval de ter mudado o rumbo deste municipio, con inversións históricas, o abandono do lastre do Plan de Axuste, a aprobación de documentos como a RPT e o ansiado PXOM….. e sobre todo por ser dos poucos municipios da zona que gaña poboación”, sinala Cuiña.

Novas relacionadas