Máis de 620 contaxios de covid na comarca do Deza nas dúas últimas semanas

A partir de mañá instalarase un punto para a realización de autotest de antíxenos con saliva no Lalín Arena.
César Carracedo
enero 9, 2022

As celebracións de Noiteboa e Nadal empezan a deixar ver os seus efectos nas estatísticas dos casos de covid rexistrados na comarca do Deza. Os datos publicados polo Sergas arroxan unha cifra de contaxios que chega aos 623 nas dúas últimas semanas.

Máis da metade rexistráronse no concello de Lalín, onde se acadou unha cifra de 348 diagnosticados en 14 días. Os datos a unha semana vista, e nos que xa se empezarían a notar as consecuencias do fin de ano, indican que houbo 182 contaxiados detectados no municipio.

Silleda tamén se move en números preocupantes e que superan o cento de infectados nas dúas últimas semanas. A sete días, o número de diagnosticados sitúase en 47.

En Vila de Cruces houbo 87 casos detectados a 14 días, dos que 40 o foron na última semana.

Rodeiro está en 30 diagnosticados a sete días e en 48 a 14. En Agolada foron 11 e 23 casos, respectivamente.

Dozón semella conter con algo máis de calma o avance da sexta vaga da covid. Os casos diagnósticados xa baixaron de dez na última semana.

O PICO DE CONTAXIOS CHEGARÁ ENTRE OS DÍAS 15 E 18

Con todo, o pico de contaxios e de casos activos aínda tardará en chegar uns días. Prevese que se produza no entorno dos días 15 e 18 de xaneiro. O que aínda tardará uns días máis en chegar será o pico dos ingresos hospitalarios, polo que as previsións das autoridades sanitarias apuntan a unha segunda quincena de xaneiro aínda máis complexa.

A día de hoxe, na área sanitaria de Santiago hai 65 persoas ingresadas, das cales seis se atopan en coidados intensivos.

No conxunto de Galicia, os contaxios volveron superar os 5 mil casos nun día, algo que non acontecía dende o 1 de xaneiro. O número de activos sitúase nun total de 65.355, cifra récord dende o inicio da pandemia.

TEST DE ANTÍXENOS CON SALIVA NO LALÍN ARENA

Por outra banxda, a partir de mañá instalarase un punto para a realización de autotest de antíxenos con saliva no concello de Lalín.

Estará emprazado no Lalín Arena e funcionará entre as 11,30 da mañá e as 18,00 horas. Estes puntos habilítanse exclusivamente para persoas sen síntomas.

Dende a Consellería de Sanidade piden que non se acuda a este punto de autotest se se teñen síntomas compatibles coa covid ou se tiveches a enfermidade nos últimos 180 días.

Novas relacionadas