OPINIÓN Román Santalla *Lalín con máis espazo para convivir*

Unha boa amiga da zona da Coruña que visitaba Lalín despois de bastante tempo díxome: “Tedes unha vila bonita, pero fáltalle unha boa zona peonil”. Sorprendido co oportuno da súa aseveración expliqueille que este tema leva tempo no debate público e que precisamente desde o Grupo Municipal Socialista íamos defender no Pleno a necesidade de […]
Redacción
agosto 27, 2021

Unha boa amiga da zona da Coruña que visitaba Lalín despois de bastante tempo díxome: “Tedes unha vila bonita, pero fáltalle unha boa zona peonil”. Sorprendido co oportuno da súa aseveración expliqueille que este tema leva tempo no debate público e que precisamente desde o Grupo Municipal Socialista íamos defender no Pleno a necesidade de impulsar un Lalín con máis espazo para a xente.

Desde hai un tempo a esta parte cidades e vilas de Galicia e do mundo enteiro están realizando unha aposta política importante por facer peonís os centros e por promover mobilidades urbanas máis sostibles. Lalín ten que mirar cara o futuro e o futuro, pese a quen lle pese, pasa por recuperar espazos para o cidadán. A veciñanza precisa sitios para interactuar, para descansar, para pasear con tranquilidade lonxe de ruído e contaminación, rúas en calma onde deixar que os nenos xoguen libremente, en definitiva, precisa gañar en calidade de vida.

O comercio local tamén necesita solucións e está demostrado que os procesos de peonalización favorecen o dinamismo comercial porque converten a zona nun punto de atracción. Lonxe quedan as épocas nas que se pensaba que o non poder aparcar diante da porta dos negocios reducía as vendas. A xente chama á xente e a xente chama ao negocio. Só fai falla mirarse no espello de cidades e vilas con procesos de peonalización asentados. Pero Lalín é diferente, din algúns… Rotundamente falso. Cunha boa dose de traballo e de vontade política pronto se poderá demostrar que un novo modelo de mobilidade máis sostible será positivo para a reactivación comercial.

O goberno do PP, ancorado no pasado e no revanchismo político, tirou por terra os esforzos do goberno anterior para introducir en Lalín un novo modelo con prioridade peonil. Os coches volveron ao centro día e noite, os sete días da semana. Nós negámonos a aceptar que este sistema é “o mellor para Lalín” e vemos nas obras de rexeneración das rúas Principal e Loriga -que quedarán con plataforma única e un deseño moito máis atractivo- o punto de partida para facer da nosa vila unha vila con maior calidade de vida, un Lalín con máis espazo para convivir.Román SantallaVoceiro municipal do PSdeG-PSOE

Novas relacionadas