O BNG denuncia incumprimentos “de extraordinaria gravidade” da empresa do SAF de Lalín

Asegura que ás traballadoras non se lles está a aplicar a suba do IPC, do 5,7%, nin nas súas nóminas nin nos gastos de quilometraxe.
Redacción
febrero 18, 2023

O Bloque Nacionalista Galego revelou nas últimas horas “incumprimentos de extraordinaria gravidade” por parte da empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Lalín. Reclama a convocatoria urxente da mesa de seguimento, a municipalización do servizo e “que se corrixan os problemas de inmediato”.

“Non se pode permitir que as empresas veñan a lucrarse coas necesidades da xente e que teñan ás traballadoras nunhas condicións tan precarias como están na actualidade: unha prestación tan importante debe recuperarse para o público”, di o voceiro municipal, Francisco Vilariño.

Entre outras cuestións, informa de que a concesionaria incumpre o convenio de modo que “ás traballadoras non se lles está a aplicar a suba do IPC, dun 5,7% o ano pasado, nin nas súas nóminas nin nos gastos de quilometraxe”.

Para máis, engade que ás traballadoras só se lles paga quilometraxe entre domicilios, e que nin sequera chegan a cobralo cando os servizos, malia seren en diferentes puntos, son un pola mañá e outro pola tarde.

Tendo en conta de que se trata dun gasto enorme para as empregadas, Vilariño reclama que haxa un punto de partida de referencia a partir do que aboar os desprazamentos e que, ademais, se reorganicen os servizos por proximidade aos domicilios das traballadoras.

Lamenta ademais a falta de material para poder prestar o servizo. Ás empregadas non se lles deu ningún calzado dende que se iniciou a concesión e só dúas batas o primeiro ano. Dende aquela, ningunha máis.

A isto engade a deixadez, falta de xestión e retraso á hora de adxudicar novos usuarios. Así, cando un deles causa baixa, a empresa obriga ás empregadas a acumular as horas que deixan de facer con ese usuario para recuperalas despois ou descontarllas da nómina. Por iso, pide maior xestión á hora de cubrir as vacantes, xa que “hai horas e persoal, pero non se cubre por deixadez ou falta de xestión”.

“A empresa incumpre e o goberno local mira cara outro lado e permite que esta situación se produza”, subliña Vilariño. Por iso, reclamará a convocatoria urxente da mesa de seguimento do SAF. Este órgano, creado a instancias do Bloque, reuniuse por última vez en maio do ano 2021.

Vilariño lembra que o do SAF é un dos contratos máis importantes do Concello. Neste caso, o goberno foi ao tempo máximo de adxudicación -cinco anos- cun montante total de 8,7 millóns de euros; é dicir: 1,6 millóns cada ano.

Novas relacionadas