O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, dixo hoxe que “a maquinaria de propaganda de Xunta e goberno de Lalín choca frontalmente coa realidade que padecen veciñas e veciños, de xeito vergoñento”.
Cuiña considera “escandalosa a situación da sanidade pública en Lalín no ambulatorio, chegando a causar alarma social ante o caos da atención primaria, a falta de médicos en numerosas ocasións nas urxencias, e os problemas coas citas e as ambulancias”.
Trátase, di, “dun caos do que so é responsable a Xunta por acción, e o goberno de Crespo como colaborador necesario”.
Ano tras ano “falar das mesmas cifras de investimentos, cando o CIS leva máis de dous anos de retraso sobre o acordado, e ocultando que o investimento é con fondos europeos é unha mostra de engano á veciñanza de Lalín”.
Do mesmo xeito, Cuiña lembra que “o saneamento anunciado estivo paralizado malia ás reclamacións do goberno anterior, despois de descubrirse que había fondos FEDER para facelo”. Unha cuestión “que estivo ocultando o PP o pasado mandato, ata que técnicos da Xunta puxéronse en contacto coa entón concelleira Celia Alonso”. De feito, tiveron que ser prorrogados,e Lalín “estivo en serio risco de perder eses fondos pola incompetencia dos gobernos do PP”.
Para rematar, “a propaganda” da Xunta fala dunha ampliación do Polígono “Lalín 2000”, sobre a que “técnicos da Xunta consultados aseguran que non haberá un metro cadrado industrial dispoñible ata finais de 2024 ou principios de 2025”. Coñécense empresas “que se querían instalar en Lalín e que marcharon para outros polígonos, e outras do noso municipio que non poden ampliar instalacións, e tampouco contratar máis xente, simplemente porque a Xunta, coa colaboración de Crespo, hai 10 anos que estivo dando largas á ampliación que agora pretenden vender a xeito propagandístico”.
“Esta é a realidade da Xunta con Lalín”, conclúe Cuíña, “iso si, seguirán facendo anuncios permanentes sobre as mesmas cifras en bucle, mais cando cheguen as eleccións municipais, nin estará o CIS, nin teremos ampliación de Polígono”.