Lalín celebrará o vindeiro luns ás 09.00 horas a reunión de voceiros solicitada polo BNG para falar sobre a situación epidemiolóxica en Lalín e valorar a adopción de medidas ao respecto. O voceiro local, Francisco Vilariño incidiu en que “non imos utilizar a pandemia como arma política, mais estamos moi preocupados polo aumento constante de infeccións, que se mantén en cifras récord”. Concretamente, segundo datos do SERGAS o municipio contaría hoxe con 659 casos diagnosticados nos últimos 14 días.
Así, o obxecto do encontro será o de valorar as medidas que se poden tomar para frear a cadea de contaxios no marco competencial do Concello e ver outras accións que poidan ser competencia da Xunta. Vilariño lamenta que non se reunise a comisión municipal da covid e destaca a falta de información no momento que Lalín conta con máis casos desde o inicio da vaga pandémica.