Lalín acada unha renda bruta por habitante de 20.602 euros

Dozón, Rodeiro e Agolada son os municipios da provincia con salarios máis baixos.
Daniel Santalla
octubre 10, 2021

O Concello de Lalín é o municipio dezao que alcanza unha maior renda bruta por habitante. Concretamente, cada lalinense declarou, de media, uns ingresos por rendemento de traballo de 20.602 euros en 2019.

Así o indican os últimos datos que vén de facer públicos a Axencia Tributaria elaborados a partir das declaracións de IRPF dos municipios de máis de 1.000 habitantes.

Con esta cifra, a capital comarcal sitúase no posto 29 de concellos con maior renda “per cápita” de #Pontevedra, nun ranking provincial que lidera Nigrán con 27.928 euros e que a nivel Galego volve gañar o municipio coruñés de Oleiros, onde os salarios se disparan a 34.116 euros.

Volvendo á comarca, Silleda sitúase nunha renda media por habitante de 19.455 euros e no posto 41 da provincia.

Os veciños de Vila de Cruces, polo seu lado, teñen uns salarios medios de 17.750 euros anuais, mentres que á cola da lista se atopan Agolada, Rodeiro e Dozón con 16.819, 16.063 e 15.581 euros de renda bruta media por habitante respectivamente.

Dozón non só é o municipio pontevedrés no que os cidadáns teñen uns salarios medios máis baixos, senón que se atopa tamén entre os que están á cola de Galicia neste ránking.

Novas relacionadas