Gonzalo Caballero reclámalle á Xunta a recuperación do servizo de pediatría en Vila de Cruces

O líder socialista insta ao goberno galego a impulsar as infraestruturas e a educación como forma de "potenciar a Galicia interior".
Redacción
octubre 6, 2021

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamóulle á Xunta a recuperación do servizo de pediatría e a potenciación das infraestruturas e educación en Vila de #Cruces. Fíxoo durante unha visita ao concello, onde estivo acompañado de militantes socialistas, encabezados pola voceira do grupo municipal, María del Carmen Silva.

“Hai que potenciar a Galicia interior, xa que o rural de Galicia está a esmorecer pola falla de servizos públicos”, lamentou o dirixente socialista ao sinalar que o Sergas vén de desmantelar o servizo de pediatra do concello, obrigando ás familias a desprazarse a municipios veciños para poder recibir asistencia.

Gonzalo Caballero lamentou o “abandono” ao que está sometendo Feijóo aos pequenos concellos cando “cada vez teñen menos servizos”. Neste senso, o responsable socialista urxiu a potenciar a educación pública “para que as familias poidan quedarse na vila”.

Por último, o líder socialista instou ao goberno galego a mellorar as infraestruturas, especificamente, a estrada entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma, xa que se atopa “completamente abandonada”.

Novas relacionadas