Galicia empezará a citar a partir do luns a maiores de 80 anos para a terceira dose da vacina da covid

En Galicia, na actualidade, máis do 93 por cento da poboación diana está inmunizada
Redacción
octubre 20, 2021

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) citará desde o vindeiro luns, 25 de outubro, ás persoas maiores de 80 anos de Galicia para recibir a terceira dose (de reforzo) contra a Covid-19. Ao mesmo tempo, aos citados nesta quenda tamén se lles ofertará a vacina antigripal.

Así, os maiores de 80 anos serán citados a través dun SMS en centros de cabeceira en Atención Primaria, como na vacinación das outras doses.

Aos maiores de 80 anos que non acudan ao primeiro chamamento a vacinarse, citaráselles posteriormente mediante chamada telefónica de reforzo que lles fará persoal de enfermaría.

Posteriormente, serán os cidadáns de entre 70 e 79 anos os que reciban esa dose de reforzo, que serán citados unha vez que transcorran o seis meses da dose anterior.

O conselleiro de Sanidade subliñou hoxe que esta dose de reforzo chega cando en Galicia, na actualidade, máis do 93 por cento da poboación diana está inmunizada e máis dun 94% recibiu polo menos unha dose.

Comesaña lembrou que quen non se vacinou até a data contra a Covid-19 pódeo facer nos puntos de vacinación habilitados nos hospitais a través de autocita ou sen cita.

Novas relacionadas