Os servizos sanitarios de urxencia tiveron que evacuar en helicóptero a unha persoa que sufriu lesións graves nunha perna a causa dun corte cunha máquina.
O afectado estaba a realizar traballos agrícolas nunha zona de monte situada na parroquia de Basadre, en Agolada.
No operativo, segundo informa o 112, tiveron que intervir os equipos do parque de bombeiros do Deza e do GES de Lalín debido á necesidade de trasladar o ferido desde o lugar do accidente ata onde se atopaba a asistencia médica.
Tratábase dunha zona de monte con acceso condicionado, polo que foi necesaria o desprazamento da unidade de asistencia a bordo do helicóptero con base en Ourense.
Foi o propio afectado quen, pouco antes das tres desta tarde, contactou co 112 Galicia para explicar cal era o seu estado, con lesións importantes na parte baixa dunha perna.
Así, con esta información, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviaron ao lugar unha dotación a bordo da aeronave e contaron coa colaboración de bombeiros e GES para axudar no traslado do ferido.