Este venres preséntase en Lalín o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

Roberto Mera recupera para a historia a figura do deputado republicano que liderou a evacuación desde Francia de 17.000 exiliados durante a guerra civil. O libro gañou o pasado ano o premio Antón Losada Diéguez.
Redacción
febrero 27, 2023

O Museo Ramón María Aller de Lalín acolle o vindeiro venres, día 3 de marzo, a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo Roberto Mera, publicado por Belagua Ediciones.

O acto terá lugar ás 20.00 horas, e estará introducido polo exalcalde de Lalín, Rafa Cuíña.

Neste libro, dispoñible en versións en galego e en castelán, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

Pola súa trascendencia na recuperación da memoria democrática, o libro foi galardoado o pasado ano co premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Investigación e Ensaio.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

A epopea que narra este libro comeza co estoupido da Guerra Civil. Daquela Alejandro Viana tiña xa unha dilatada traxectoria vital e era un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade de Vigo.

Alejandro Viana, que puido porse a salvo nos primeiros compases da guerra porque tiña os medios económicos e os contactos necesarios para facelo, optou por permanecer xunto ao goberno da República no exilio francés e, á fronte do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, axudar os seus concidadáns na procura da liberdade, nun exemplo de entrega aos demais, fiel sempre aos valores republicanos.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Novas relacionadas

O Concello de Dozón presenta o luns a liquidación de conta “máis elevada da súa historia”, de 2,4 millóns de €

O Concello de Dozón presenta o luns a liquidación de conta “máis elevada da súa historia”, de 2,4 millóns de €

O orzamento inicial de 2022 incrementouse nun 55% e a liquidación ao remate do exercicio aumentou un 8% respecto á do ano anterior. O alcalde, Adolfo Campos, salienta que “as cifras constatan a gran capacidade de xestión do goberno local para conseguir fondos doutras administracións” e tamén “a contención do gasto corrente”. Salienta que o 49,3 % do gasto, concretamente 1,21 millóns de euros, destinouse a investimentos, fundamentalmente para mellorar as infraestruturas municipais.