O Esmorga Folk da Bandeira: a conexión dezá das Tanxugueiras

O trío Tanxugueiras, que mañá actúa na gran final do Benidorm Fest para elixir o representante de España en Eurovisión, estreouse no Esmorga Folk da Bandeira no ano 2016.
Redacción
enero 28, 2022

O Esmorga Folk da Bandeira viu nacer ao que sen lugar a dúbidas é o grupo de referencia (e tamén de moda) da música galega: as Tanxugueiras.

Foi o Esmorga Folk o primeiro festival folk no que actuaron no ano 2016, nunha edición organizada por Ana Codesido baixo a dirección de José Luis García (presidente da Asociación Amigos da Empanada). Até daquela “Tanxugueiras” só actuaran en seráns e foliadas.

No ano 2018, Tanxugueiras volvería ao Esmorga Folk da Bandeira coincidindo co XXX Aniversario do festival xunto a Treixadura, Leilía e Faíscas da Pontraga.

É precisamente polo XXX aniversario cando a directiva de Amigos da Empanada encabezada por Andrés Seoane, decida protexer nos estatutos da asociación a celebración do Festival Esmorga Folk xunto co Bandeirock baixo a denominación de “Festivais da Empanada”. “O Esmorga Folk e o Bandeirock merecen estar protexidos ao mesmo nivel que a Festa da Empanada porque xa son parte da historia da nosa vila” sinalaba Seoane na asamblea extraordinaria de modificación dos estatutos.

As outras conexións do Esmorga Folk co festival de Eurovisión

Tanxugueiras non son a única conexión que o Esmorga Folk garda co certame de Eurovisión.

No ano 2019 Lucía Pérez (representante española en Eurovisión 2011) actuou xunto co grupo A Roda na última edición ata o momento deste festival.

Un pouco de historia

O festival “Esmorga Folk” nace no 1989 froito do esforzo dun grupo de mozos e mozas do pobo de Bandeira, amantes da música tradicional que vían como co paso do tempo esta se deterioraba e quedaba no esquecemento. Encadrado dentro das festas patronais de Bandeira e facéndoo coincidir coa xa consolidada Festa da Empanada, nace, no 1989, o primeiro festival “Esmorga Folk”.

Este festival consolidouse grazas ao empeño dos organizadores de xuntar ano tras ano os grupos de máis renome do panorama musical, chegando a actuar en Bandeira grupos procedentes non só de Galicia e España senón tamén de diversos países. Cita ineludíbel do verán, o Esmorga é un dos festivais máis importantes da nosa terra, no III Festival, datado en 1991 chegan a Bandeira grupos como “Koun” dende a Bretaña ou “Luar na lubre”, un dos grupos máis importantes do panorama folk de todos os tempos.

“Leilía”, “Mercedes Peón”, “Carlos Núñez”, “Kepa Junquera” ou mesmo grupos estranxeiros como “Vladimir y Serguev” ou “Dhais” acudiron, durante os primeiros anos a dito festival. No ano 2000, o “Esmorga” achégase a Asturias, “Tejedor” actúa na compaña de “Rumbadeira” e o “Son de pan” entre outros.

Chegado o novo milenio, o festival non baixa o seu prestixio, senón todo o contrario, no novo século grupos de renome tanto autonómico como nacional participaron no festival: “Susana Seivane”, “Ruote”, “Pepe Vaamonde”, “Matraca Perversa”, “Tres Pesos”, “Os Melidaos”, “Faindola”, “Quempallou”, “Tiruleque” ou “Tanxugueiras”.

Traballando xa na vindeira edición

A actual directiva de Amigos da Empanada xa traballa na organización da XXXII Edición do Esmorga Folk.

O vicepresidente I, Luis Villanueva volverá ser o principal responsable deste festival tal e como ocorreu no XXX e XXXI aniversario, e aproveitou para pedir á vila de Bandeira que no día de mañá vote masivamente ao Trío Tanxugueiras porque “elas son tamén parte do noso pobo e do Esmorga Folk, un festival que continuará a apostar pola nosa música, cultura e tradición”.

Novas relacionadas