En marcha os traballos de posta en valor do entorno da capela de San Brais, en Chapa

O Concello de Silleda, a través da liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra, executa a mellora da fonte no fermoso entorno deste enclave.
Redacción
febrero 2, 2022

O Concello de Silleda vén de iniciar os traballos para a posta en valor do fermoso entorno da capela de San Brais, na parroquia de Chapa.

As accións, adxudicadas a A Citania Arqueoloxía,  comenzaron en días pasados ca limpeza do entorno da fonte. Esta actuación lévase a cabo novamente a través da liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, desta vez cunha proposta para poñer en valor este enclave.

Coñecido como o lugar de Virxe da Fonte, o manancial está situado aos pés da fachada da capela, nun fermoso entorno natural cunha pequena pontella sobre un regato, onde cada 3 de febreiro se celebra a festividade de San Brais.

Con esta actuación, cun orzamento de 5.324 euros,  dende o Concello de Silleda búscase dar a coñecer o valor cultural, histórico antropolóxico e etnográfico deste lugar onde ademais de facilitar o acceso se colocará un panel informativo.

Os traballos, logo da limpeza  e roza controlada, realizando unha mínima intervención no entorno continuarán coa dotación dun panel informativo tamén se incluirá información sobre o vasto legado da parroquia, con bens arqueolóxicos, históricos e etnográficos. A fonte, de pedra, está xunto a un sendeiro que une o lugar da Devesa coa fermosa capela de San Brais, do século XVIII.  Trátase ademais dun lugar situado preto do Camiño do Sudeste, ou Vía da Prata, polo que merece ser sinalizado para difundir e poñer en valor a súa importancia.

“Con esta intervención dende o Concello de Silleda queremos seguir poñendo en valor o amplo legado co que contamos, con numerosos lugares de gran beleza e relevancia, coma este no entorno da capela de San Brais, na parroquia de San Ciprián de Chapa”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Novas relacionadas