Empezou Expoferr 2023 no recinto feiral de Silleda

O encontro prolongarase ata este sábado, con 6.000 metros cadrados de exposición e a presenza de 320 marcas de 11 países.
Redacción
febrero 9, 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da Feira profesional de subministracións e ferraxería industrial, protección laboral e maquinaria Expoferr 2023.

Coen ela ábrese o calendario de eventos deste ano na Feira internacional de Galicia Abanca.

O encontro prolongarase ata este sábado, con 6.000 metros cadrados de exposición e a presenza de 320 marcas de 11 países.

No acto inaugural, Diego Calvo destacou a celebración da única feira sobre subministración e ferraxería do noroeste peninsular na Feira Internacional de Galicia Abanca. “Un encontro referente nun recinto tamén referente en Galicia e que pechou o ano 2022 con cifras récord en varias feiras”, apuntou.

Calvo incidiu no interese que esperta o encontro a nivel nacional e internacional, que levou a organización a prolongar unha xornada máis a súa duración fronte a anteriores edicións en resposta á demanda dos profesionais de dispoñer de máis tempo.

A feira chega este ano á súa terceira edición e faino consolidada e medrando en todos os aspectos, xa que, tal e como indicou o vicepresidente segundo, dobra a superficie para acoller un 66% máis de expositores e un 45% máis de firmas.

Dirixido a profesionais do sector, o evento convértese así nun grande escaparate de ferramenta, material de protección laboral e vestiario de traballo, entre outros múltiples produtos.

Ademais, conta cun amplo e variado programa que inclúe case un cento de demostracións que se repetirán ao longo das tres xornadas.

Calendario con dez feiras pechadas

Expoferr representa o primeiro gran evento deste ano no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, que xa conta cunha decena de encontros pechados no calendario de 2023, tras os bos resultados rexistrados o pasado ano tanto na celebración de eventos coma na facturación da Central Agropecuaria de Galicia.

Así, o vindeiro mes acolle a Feira profesional de maquinaria, agricultura e gandería Abanca Cimag-GrandAgro e o Salón internacional da industria acuícola AquaFuture Spain. En xuño será a quenda da tradicional Abanca Semana Verde, que suma 45 edicións, e dos habituais encontros paralelos, como Salimat Abanca ou Turexpo Galicia. Xa de cara ao final de ano, chegan ExpoBus Iberia e a segunda edición da feira de seguridade, defensa e emerxencias Sedexpo.

A Xunta destina neste exercicio un orzamento de case 3 millóns de euros para a Fundación Semana Verde, co obxectivo de manter a liña positiva lograda en 2022 tras o parón da pandemia.

Novas relacionadas