Ecoloxistas en Acción recolle as denuncias de veciñanza de Breixa, Silleda, afectada pola instalación dunha macrogranxa de 2.000 porcos ao carón das súas casas.
“Dita instalación”, afirman nun comunicado, “non só contou coa autorización da Xunta de Galicia senón que ademais Medio Rural concedeulle unha subvención de máis de cen mil euros”.
Afirman que a macrogranxa, propiedade de Fertaporc S.C., “non consta no rexistro de empresas contaminantes a pesar de estar obrigada pola súa dimensión”.
“A veciñanza do lugar de Breixa denuncia que a macrogranxa está afectando gravemente á súa calidade de vida polo constante ruído e forte cheiro que teñen que aturar desde que entrou en funcionamento”, sosteñen.
A organización ecoloxista sinala que “coa proliferación das macrogranxas ademais dun grave impacto ambiental se está baleirando aínda máis o rural”. A gandeiría industrial intensiva, con procesos altamente automatizados, “apenas crea emprego, mentres que destrúe postos de traballo da gandeiría tradicional en extensivo ao facer competencia desleal, xa que as macrogranxas non se fan cargo do pasivo ambiental”.
O ano pasado realizouse un estudio que confirmaba que perdían poboación na maioría de concellos nos que se instalan macrogranxas, din.
Ecoloxistas en Acción demanda á Xunta que teña presente “o desastre ambiental que está a sufrir a baixa Limia pola incesante concesión de autorizacións de macrogranxas sen planificación nin control da capacidade da comarca para aturar os vertidos desta industría tan contaminante”.
Alertan de que “se non se declara unha moratoria inmediata para frear a proliferación das macrogranxas, comarcas rurais como o Deza poden rematar noutro desastre ambiental igual que na Limia”.
A VERSIÓN DA XUNTA
Preguntadas respecto diso, fontes da Consellería de Medio Rural precisaron a Europa Press que esta granxa, situada no lugar de Outeiro, parroquia de San Martín de Negreiros, cumpre todas as normas.
Así, detalla que foi dada de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras en agosto de 2021 e que se trata dun cebadero de porcino con capacidade autorizada de 1.998 prazas, polo que “non necesita nin de autorización ambiental integrada nin de avaliación de impacto integral”.
“Só ten que ter un estudo de incidencia ambiental –co que conta–“, indican estas fontes, que explican que, segundo a normativa ambiental, “non ten que estar no Rexistro estatal de emisións e fontes contaminantes”.
En canto á distancia, a Xunta explica que a granxa cumpre coa normativa sectorial gandeira e que ten os permisos administrativos correspondentes para a súa posta en marcha, tanto municipais como autonómicos.
Por último, confirmou que dita explotación ten concedida unha axuda dun plan de mellora para a construción desta explotación porcina de cebo e unha achega de incorporación dunha moza á actividade agraria, ao cumprir os requisitos establecidos na correspondente orde de axudas. Trátase dunha axuda para a construción desta construción.
