O Concello de Dozón trasladará esta fin de semana os servizos das oficinas municipais ao edificio do antigo albergue -situado a carón das piscinas- por mor do comezo das obras de rehabilitación da casa consistorial, a través do proxecto incluido no programa provincial Reacpon e que suporá un investimento de 405.381 euros.
O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, adiantou hoxe que ata este venres atenderase á veciñanza aínda no consistorio, pero o vindeiro luns os servizos municipais estarán xa operativos no antigo albergue, mantendo o mesmo horario de 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres.
Segundo avanzou, esta “reubicación temporal” prolongarase aproximadamente durante seis meses, mentres se executa o proxecto de rehabilitación do edificio, que incluirá unha redistribución dos espazos para concentrar no andar de entrada todas as estancias vinculadas á atención ao público, mentres que no primeiro andar se situarán as dependencias de administración. A actuación prevista tamén incluirá a dixitalización do inmoble e a búsqueda dunha maior eficiencia enerxética, tanto coa incorporación de alumeado LED como pola mellora das condicións térmicas.
Ademais, tamén se dotará dunha Oficina de Igualdade e doutra Oficina de Información aos Peregrinos.