Dozón pon en marcha un punto limpo móbil

Faino cunha axuda de case 70 mil euros da Xunta.
Redacción
enero 13, 2022

O concello de Dozón xa ten en funcionamento un novo servizo de punto limpo móbil. Recibiu unha subvención da Xunta de Galicia por un importe de case 70.000 euros para poñelo en marcha.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron hoxe o municipio pontevedrés, que foi un dos 31 concellos beneficiarios ao abeiro da orde convocada en 2021 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para axudar aos concellos de menos de 3.000 habitantes a adquirir este tipo de instalacións.

No caso concreto de Dozón, Sagrario Pérez explicou que a Consellería concedeulle 69.756,50 euros ao Goberno local, o 100% da contía solicitada, que grazas a estes fondos adquiriu unha caixa/contedor con oito zonas de reciclaxe para diferentes tipos de materiais; unha furgoneta portante; e unha pequena grúa para facilitar a instalación e recollida da instalación polas diferentes parroquias do municipio. Tamén dedicará parte da subvención á realización dunha campaña de difusión e sensibilización.

Ademais, cómpre lembrar que o ano pasado Dozón implementou o seu sistema para a recollida separada dos residuos urbanos ao incorporar contedores específicos destinados á recuperación de envases de plástico, latas e briks e de papel-cartón.

Neste sentido, a posta en marcha do punto limpo móbil municipal supón un paso máis para a mellora da xestión dos residuos de orixe doméstica neste concello, xa que lle permitirá seguir avanzando cara á media galega de taxas de reciclaxe.

A directora xeral explicou que o obxectivo da Xunta é contribuír a mellorar e ampliar a xestión dos residuos especiais de competencia municipal co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización na Comunidade, ao tempo que se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas urbanas e en espazos naturais.

Novas relacionadas