Dozón destinou o 59 por cento do seu orzamento do ano pasado a investimentos

O goberno fala dun “novo récord como concello máis inversor de Galicia” en porcentaxe sobre os orzamentos municipais.
Redacción
marzo 14, 2022

O goberno local de Dozón deu conta no pleno ordinario celebrado esta mañá da liquidación correspondente ao exercicio de 2021, no que este concello volveu rexistrar un “novo récord como concello máis inversor de Galicia” en porcentaxe sobre os orzamentos municipais ao destinar o 59 % dos orzamentos a investimentos.

O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, salientou que o orzamento inicial de 2021 acabou incrementándose en 973.000 euros “grazas á capacidade de xestión do equipo de goberno para obter recursos doutras administracións” ata situarse nun total de 2,3 millóns de euros.

Segundo resaltou, dita capacidade de xestión de fondos, sumada “á capacidade para facer un reparto axeitado diminuíndo o gasto corrente e os gastos de persoal”, permitiron elevar os investimentos executados directamente polo concello ata situalos en 1.344.000 euros, sendo os proxectos máis destacados os seguintes: máis de 500.000 euros en viais, a urbanización da rúa de acceso ao polígono industrial, o saneamento e a depuradora na Gouxa e a creación de varias áreas de lecer e recursos turísticos, e a Casa do Maior, entre outros. Ademais, a esta contía habería que engadirlle os investimentos executados directamente pola Xunta de Galicia, entre os que destacaron 1,08 millóns de euros do acceso á AG-53 e 313.000 euros na mellora do CEIP Pío Cabanillas.

“Nunca o Concello de Dozón alcanzara esta cifra de investimentos, nin en porcentaxe nin en valor absoluto, polo que é un novo récord de investimentos”, resaltou o rexedor, que cifrou o investimento por habitante en 822 euros, fronte aos 149 euros de media na comarca e os 106 euros de media na provincia -dato que Dozón multiplica por oito-.

Ao respecto, o alcalde precisou que estes índices son posibles debido á contención do gasto de persoal, que en Dozón reprenta só o 20% do orzamento, e do gasto corrente, que en Dozón representa o 19% do orzamento.

Novas relacionadas