Dous millóns de euros para impulsar o turismo na comarca do Deza

A Deputación provincial acadou esa cantidade de fondos europeos Next Generation para un plan que contempla 14 actuacións. Entre elas, diferentes melloras nos camiños de Santiago.
Redacción
diciembre 11, 2021

A Deputación de Pontevedra vén de acadar 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística en Destinos 2021 nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

A proposta da Deputación -presentada ás axudas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno estatal–, obtivo unha puntuación de 88 sobre 100.

Con esta inxección, superior aos 2 millóns de euros, executaranse un total de 14 actuacións entre os anos 2022 e 2024.

A presidenta Carmela Silva expresou a satisfacción do goberno provincial: “É unha gran noticia que responde a un traballo ben feito”, sinalou.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza-Tabeirós suporá todo un impulso ao destino de ambas as dúas comarcas xa que está baseado nunha estratexia cun triplo carácter transformador: dixital, económico e social, e sostible.

As 14 actuacións están organizadas en 4 eixos programáticos.

No de transición verde contémplanse 3 actuacións: “Ecoruta Galicia por dentro”, áreas de descanso para peregrinos e peregrinas e a posta en valor do recurso ecosistémico da Rapa das Bestas.

No eixo de eficiencia enerxética, realizaranse intervencións de mellora peonil da Vía da Prata, instalaranse puntos de recarga de vehículos eléctricos e tamén se desenvolverá o proxecto “Peribici” de mobilidade sostible nos Camiños.

No eixo de transición dixital, o Plan de Sostibilidade Turística abarca a sinalización turística intelixente e Smartguide dos recursos vinculados aos Camiños, o proxecto “Museografía dixital dos mosteiros de Carboeiro e Aciveiro e experiencia dixital Rapa das Bestas”, “Comunicación dixital nos camiños da Geira e dos Arrieros e Miñoto Ribeiro”, un plan de márketing dixital, central de reservas e promoción do destino e, por último, formación sectorial.

No cuarto dos eixos, o de competitividade, actuarase na singularización dos Camiños e impulso ao seu recoñecemento oficial, crearase unha mesa de sositibilidade turística e un Pacto Local, e apoiaranse o ente xestor a través de coordinación, avaliación e seguimento.

A Deputación xa comunicou a boa noticia aos concellos do Deza/Tabeirós e convocará un próximo encontro con todos os alcaldes e alcaldesas para explicar os detalles do plan, consensuar as accións transversais e organizar as actuacións, que terán un enorme impacto para o fomento da actividade turística en cada un dos concellos que integran as comarcas e no conxunto do xeodestino.

Novas relacionadas