CxL reclama que se destinen 650 mil euros a activar un bono de comercio en Lalín

Presenta unha moción ao próximo pleno.
Redacción
octubre 20, 2021
Rafael Cuiña en un pleno municipal de Lalín

O grupo municipal de Compromiso por Lalín presenta unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario na que reclama que se destine unha partida dun mínimo de 650.000 euros para a creación de un bono municipal de comercio, co que se poidan beneficiar os empadroados lalinenses maiores de idade.

Tamén demanda a emisión dun informe por parte do departamento de Intervención sobre a legalidade da medida.

Neste contexto, CxL lembra que xa en outubro do ano pasado propuxo a creación da chamada tarxeta “Lalín Merca”, coa cal os empadroados no noso Concello, maiores de idade, poderían acceder a un desconto de 40 euros ao mercar ou consumir no comercio e na hostalaría local.

O goberno de Lalín votou en contra de unha medida que beneficiaría a 16.500 veciñas e veciños, e que poñería en circulación aproximadamente 650.000 euros no comercio e na hostalaría de Lalín, “cun previsible éxito como consta a día de hoxe en Concellos da importancia de Carballo ou Monforte de Lemos”.

Por contra, optouse por axudas directas, “que non foron máis que un “parche” momentáneo”. A evidencia, din dende CxL, é que “a situación do comercio en Lalín é preocupante e, dende a Administración local -cunha economía saneada grazas á xestión do anterior goberno- débense tomar medidas de apoio a un sector que xera unha importante cantidade de postos de traballo”.

CxL sinala tamén que experiencias como o “Amazon de Lalín”, ao que o goberno chamou “MercaLalín”, son “un fracaso absoluto, ante a desidia da concellería de comercio, cunha credibilidade nula xa politicamente amortizada, para desgraza do comercio local”.

Agora, “o colmo do cinismo político do PP é ver estes días nas páxinas oficiais do Concello, e nas da Alcaldía, como se promove un bono cultural da Xunta de Galicia, por valor de 50 euros, de características semellantes ao que propuxo para o comercio de Lalín Compromiso por Lalín”.

“Un goberno”, conclúen, “non pode xogar coas necesidades dos veciños nun momento crítico, en función de quen faga as achegas, senón en función de se estas son acaídas ou non. O que pasou a non poder ser porque “non deixa a Interventora” pasa a ser promovido polo goberno, porque o fai agora outra Administración do mesmo partido como é a Xunta de Galicia”.

Novas relacionadas