Compromiso por Lalín rexistrou unha moción para o seu debate no próximo pleno na que pide:
– Suspensión das taxas de lixo e auga para a totalidade dos veciños e veciñas de Lalín, tecnicamente posible se o Concello asume as cuantías cos concesionarias.
– Petición por parte do Pleno de Lalín ao Goberno de España para que o 100% do imposto de Xeración eléctrica sexa recadado polos Concellos, mediante acordo coa FEGAMP, e non a través da Xunta de Galicia.
– Que os Concellos reciban o 58% do imposto de Hidrocarburos que recibe a Xunta do Estado, mediante a FEGAMP.
– Que o Concello de Lalín suspenda o prezo do aluguer dos postos da Praza de Abastos de Lalín, e saque a licitación por prezo simbólico os baleiros.
– Que o Concello de Lalín suspenda o pago da cuota dos socios do Lalín Arena por un ano.
Na súa exposición de motivos CxL explica que a actual situación de crise mundial derivada entre outros factores pola Pandemia do COVID, e acentuada exponencialmente pola intolerable guerra en Ucraína, fan que a nosa sociedade deba prepararse para tempos complicados, nos que as medidas que van tomar as diferentes Administracións, sexan difíciles e afecten á calidade de vida das nosas veciñas e veciños, e á competitividade de sectores estratéxicos claves na nosa economía.
O aínda Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, xunto con dirixentes como a Presidenta da Comunidade de Madrid, Ayuso, levan semanas esixindo ao goberno do Estado rebaixas de impostos, e en algún caso a súa suspensión directamente, como os que gravan a luz e o gas.
Dende CXL están convencidos que o goberno actual de Lalín accederá a ser sensible con esta situación, e dentro das súas competencias procederá a tomar medidas semellantes ás solicitadas por os seus líderes políticos. Do mesmo xeito o Presidente da Xunta acusou directamente ao do Estado de “forrarse” cos incrementos dos prezos a pagar por parte da cidadanía, cando o Estado transfire grande parte deses fondos ás propias comunidades autónomas.