Cuiña tacha de “enésima chapuza de xestión” que o goberno de Crespo teña que volver levar a pleno a cesión de terreos para o edificio de Medio Rural

É a terceira vez que esta cuestión terá que ir a pleno, tras facelo en outubro pasado e no ano 2008-
Redacción
febrero 17, 2023

O candidato á alcaldía de Lalín por Compromiso, Rafael Cuiña, cualificou de “enésima chapuza de xestión” ter que levar un novo acordo ao próximo Pleno sobre a cesión de terreos á Xunta para a construcción dun edificio administrativo para a Consellería de medio Rural.

A Consellería agora informa que o Concello ten que ceder as parcelas, pero que non se poderá cumprir o acordo de ceder en propiedade unha parte da propiedade para o Concello de Lalín, cuestión da que “Crespo Iglesias na súa habitual propaganda presumía”.

Agora a Consellería di que non é posible, pero que cede en propiedade os vellos locais que ocupan os servizos forestais “no momento no que o persoal se poida trasladar ao novo edificio”. Ademais o Secretario do Concello di que ten que ir a cuestión de novo a Pleno, e de novo a exposición pública.

Compromiso xa anuncia a súa abstención ante a “chapuza monumental” dun acordo plenario inválido, que xa ratificaba outro de 2008.

Compromiso quere tamén explicacións do Secretario do Concello, que no seu informe manifesta “a total conformidade coa proposta alternativa ofrecida pola Consellería”, sobre por que non se advertíu desta circunstancia no seu anterior informe do acordo plenario anterior, e se existiron presuntas presións para que se levase a Pleno sen as garantías administrativo-legais necesarias, en vista de que o acordo debe ser modificado, e polo tanto o vixente é nulo.

Cuiña esixe que Crespo explique no Pleno que pasou, se foron advertidos por alguén desta circunstancia, se a culpa é dun funcionario ou dun político, e se alguén por unha vez pensa asumir responsabilidades sobre esta “enésima chapuza”.

“Levamos xa con problemas no CIS e na súa construción, o tanque de tormentas sen comezar, proxectos do goberno anterior adiados como Donramiro, a chapuza da rúa Lóriga, os parches contínuos nas reformas de rúas e no Lalín Arena, a inacabada aínda obra do Xesús Golmar anos despois que agora se anuncia para Semana Santa, a non tramitación a día de hoxe das axudas aos clubes deportivos… e agora o edificio de Medio Rural. Crespo vive nun bucle de anuncios propagandísticos permanentes, pero os feitos deixan ver xa demasiadas costuras, que non merece o pobo de Lalín”, conclúe Cuiña.

Novas relacionadas