O candidato de Compromiso á alcaldía de Lalín, Rafael Cuiña, di que “dende o respecto, non entendo a reunión que pretende facer Crespo par a falar da Gran Praza, se xa a fixo na campaña das municipais pasadas hai catro anos, sobre o que quería facer”.
Cuiña cre que “so o temor ao desgaste electoral que lle está a provocar esta cuestión, fai que Crespo reaccione así”.
“Eu rétolle a que diga en esa reunión cal é o proxecto, cales os prazos de execución, como son os pagos de 2´5 millóns de euros ás familias propietarias dos inmobles, e canto vai ter de custe ao peto dos lalinenses”, di. E engade que “Crespo vaise escudar en que van intentar acceder a fondos europeos, pero iso está no limbo do posible, pero non do probable”.
Ademais o candidato de Compromiso quere que Crespo explique por que a pasada campaña falou duns “8 millóns de euros” e agora cala ante contías que non se poden dar “porque non hai nin proxecto”.
Cuiña pensa que “Crespo debe xustificar ante o pobo por que fai isto a menos de 100 días das eleccións, se é ético hipotecar a un posible goberno de distinto signo que poida saír das urnas, e se o contexto económico de moitas familias lalinenses non fai que se lle caia a cara de vergoña ao goberno de Lalín con cifras millonarias sen ter nen sequera proxecto”.
Tamén lle gustaría que Crespo contase por que “a día de hoxe aínda non está firmado o acordo cos propietarios, e se na súa mente está tirar o edificio do Casino, e como pode afectar calquera actuación con Patrimonio ante a cercanía da igrexa parroquial”.
Cuiña non dubida da legalidade do proxecto, “porque do contrario os técnicos municipais estarían nun serio problema”, e insiste en que non está na contra de aumentar espazos peonís facendo unha praza, “mais en política o respecto á situación dos veciños, e ter claras as prioridades nun contexto de forte crise, son as que definen aos responsables políticos”.