O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que a súa formación levará a Pleno unha batería de achegas en materia económica, “ante o difícil panorama que se anuncia por parte das autoridades, en diferentes sectores”.
Cuiña pide “sentidiño” a Crespo, e “mostra a súa disposición a colaborar co goberno, como está a facer discretamente coa cuestión dos refuxiados, mais entende que hai que reformular o orzamento municipal, para estar preparados para apoiar aos veciños e veciñas en peor situación, e a sectores estratéxicos do noso concello”.
Así, “nun municipio no que ten tanta importancia o agro como o noso, a subida das materias primas, engadido aos da luz, carburantes e o gas, xunto coa inflación en parámetros non coñecidos hai décadas, fai que a intención do goberno municipal de endebedar aos veciños en 9 millóns de euros ao final do actual mandato, sexa unha absoluta irresponsabilidade”.
“Se Crespo pretende facer política electoralista cos cartos de todos”, di Ciña, “comigo que non conte. Xa non é tempo de pinchos nos mitins nin promesas irrealizables como fai o PP, é tempo de medir cada euro público que sae dos petos dos lalinenses, e investilo en protexer aos nosos veciños e veciñas, e aos nosos sectores estratéxicos”.
Di que “non sería normal que o PP estea pedindo un esforzo en materia impositiva ao goberno do Estado, mentres as Administracións como o noso Concello miran cara outro lado dilapidando cartos públicos”.
Cuiña lembra que o anterior goberno deixou “as arcas públicas saneadas, e que este goberno xa ten un déficit de tres millóns, que pretende elevar a 9 ao remate de este mandato, uns 450 euros por veciño, en un contexto de fonda crise, que o goberno central sitúa en parámetros de enorme dificultade proximamente.
“Teño claro que se as arcas públicas de Lalín estiveses como as atopei eu ao entrar á Alcaldía, Lalín tería serias dificultades agora, mais fixemos unha política responsable, e deixamos o graneiro cheo”, di. E conclúe: “A ver canto dura”