Cuiña lamenta que Crespo volva intentar xogar coa boa fe da veciñanza utilizando as parcelarias como “propaganda electoral”

Cuiña advirte de que "os inasumibles retrasos" nos procesos provocan consecuencias "case dramáticas", co "esmorecemento" de moitas parroquias.
Redacción
febrero 24, 2023

O candidato á alcaldía de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña -xunto co concelleiro Fernando Vilariño- lamentaron hoxe que Crespo Iglesias, coa complicidade partidista da Xunta de Galicia, volva intentar utilizar os procesos de concentración parcelaria como propaganda electoral.

“Só pretenden xogar coa boa fe e vontade da veciñanza do rural”, afirman, “e nós por iso non pasamos”.

Cuiña lembra que, mentres o actual rexedor e o conselleiro de Rural presentan novos proxectos, en Lalín hai procesos que están sen concluír dende hai case 30 anos, como no caso do Corpiño ou Vilatuxe. Noutros casos, como Anzo, Busto, Madriñán, Noceda e Bendoiro, empezaron no 1999.

“Talvez”, indica o candidato de CxL, “os responsables do goberno galego e o local tamén deberían facer unha xuntanza cos afectados por esta situación e darlles explicacións á cara por estes inasumibles retrasos”. “Hai unha xeración enteira de lalinenses que viron como se iniciaban algúns procesos de concentración cando naceron e que a día hoxe non remataron”, sinala.

Rafael Cuiña lembra que esta situación “está a ter consecuencias case dramáticas para o rural lalinense”, xa que provoca o “esmorecemento” de moitas parroquias, que ven como “estes procesos interminables lastran de maneira moi grave as súas posiblidades de crecemento económico e social e o seu despoboamento”.

Neste senso, Fernando Vilariño sinala que “é un freo enorme para os propietarios de explotacións gandeiras, que non poden dispoñer das súas terras para, por exemplo, afastar as naves dos núcleos, tal e como obriga agora a normativa.”

Ao mesmo tempo, evidencian “a incoherencia absoluta” da Xunta, cando hai aproximadamente un ano o conselleiro chegou a sinalar que non se iniciarían novos procesos de concentración en Lalín mentres non se rematasen os que están en marcha. “As palabras de hai uns meses danse de bruces agora coa propaganda electoral do PP”, afirma Cuiña.

Tamén considera “significativo da pouca importancia que o PP lle dá a Goiás” que o seu proceso de concentración parcelaria se inicie en pleno 2023, “cando xa debería estar máis avanzado pola súa dimensión e o número de explotacións coas que conta”.

A maiores, ” e non menos importante”, moitas veces estes retrasos tamén derivan en problemas entre veciños e parroquias.

“Os culpables de que isto suceda son os mesmos que hoxe se enchen a boca anunciando novos proxectos e inversións millonarias para tratar de enganar á xente a menos de cen días dunhas eleccións municipais”, conclúe Cuiña.

Novas relacionadas