Cuíña: “Facer o investimento de Principal e Loriga para que pasen coches é dilapidar os cartos”

Di que a primeira medida que tomará de regresar á alcaldía será facer que esas rúas sexan peonís e redactar un proxecto para facer un boulevar na rúa dos viños.
Redacción
diciembre 8, 2021

O coordInador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuíña, dixo hoxe que cando Nicolás González e máis el decidiron que a obra das rúas Principal e Lóriga fosen parte da estratexia EDUSI, “tiñamos claro que tiña que ser peonil”.

“Non ten ningunha lóxica este proxecto se non é para os peóns”, asegura antes de engadir que “facer ese investimento para que pasen os coches é dilapidar os cartos”.

“Esa rúa”, lembra Cuíña, “ten dificultades no seu modelo comercial, por iso deseñamos darlle un xiro de 180 grados para que reviva”. Así, tal como recoñecían os encargados do proxecto técnico, “falouse con moita xente para facela, e xa lles digo que se de min depende en ano e medio, a primeira decisión que tomarei no casco urbán sera a de que esa rúa sexa como foi deseñada por Nicolás e máis eu… peonil, e a redacción do proxecto para facer un boulevar na rúa dos viños”.

Cuíña lamenta que o PP tome decisións como “a de permitir a circulación despois de un investimento tan importante, en función de cálculos electorais, por riba das necesidades de Lalín”.

“Condicionan o futuro do comercio e da hostalaría da nosa vila por non querer adaptarse aos tempos, co cal nun futuro máis próximo do que eles semellan, levaremos unha clara desventaxa con relación a A Estrada, Carballiño, ou incluso á propia Silleda”, sostén.

“Todo iso”, prosegue, “é unha irresponsabilidade e unha rémora para o futuro de Lalín. Non se coñece un so plan de promoción desas rúas para o remate das obras, que tiña que ir ligado á inauguración, para poñela en valor, en un conxunto que debería ser rematado coa rehabilitación do Cine Balado, como centro cultural”. 

Novas relacionadas