Cuíña censura “a condescendencia de Crespo coa oposición”

"Un Crespo", di, "que volveu polo seu costume, que está afastado da rúa, que se sinte incómodo de estar cos veciños e prefire o coche oficial ou os actos do seu partido".
Redacción
octubre 21, 2021

O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, amosouse canso da “condescendencia de Crespo coa oposición, dicindo como teñen que facer, e cales son os asuntos que tratar”.

Cuíña dille a Crespo que “se quere saber os problemas de Lalín, dígollos eu: un Alcalde que está máis pendente de facer cocidos con millonarios en Miami que dos problemas do agonizante comercio de Lalín é un Alcalde que non ten os pés no chan”. Do mesmo xeito, tamén lle reprocha “o ridículo investimento do rural do actual goberno e o incumprimento masivo das promesas que fixeron nas parroquias, ou non ter feito un so saneamento en 28 meses despois de todo o que nos esixían a nós”.

A maiores, tamén fala da situación da sanidade pública en Lalín e da atención primaria, “cuestión da que mira cara outro lado”, ou da ausencia de ambulancias medicalizadas e de apoio, “cando era o punto primeiro no seu programa electoral”.

Engade “a desesperante situación tras lustros e lustros das parcelarias, que provocan enfrontamentos entre veciños, ou das cacicadas de ter comisarios políticos actuando como asesores do Concello cando non o son, ou de dar contratos masivamente a empresas directamente relacionadas con concelleiros do goberno, antiguos concelleiros, ou á empresa que lle fixo a campaña electoral… que supoñemos xa estará pagada e non hai máis motivos para facerlles contratacións”

“Crespo, -continúa Cuiña- despois de ter o goberno máis custoso da historia do Concello, con case un millón de euros ao final do mandato, so está empecinado no cocido, cando no pasado mandato, cando se batían edición tras edición récords de asistencia á Feira e aos restaurantes no mes do cocido, afirmaba que era un trasatlántico que xa ía so, pretendendo restar mérito ao goberno anterior ante o éxito das convocatorias”.

“Un Crespo”, conclúe, “que volveu polo seu costume, que está afastado da rúa, que se sinte incómodo de estar cos veciños e prefire o coche oficial ou os actos do seu partido. En definitiva… de novo o Crespo que levou ao seu partido á oposición, e que enganou masivamente afirmando que tomara nota dos erros e cambiara”.

Novas relacionadas