O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, mostrou o seu “malestar” co goberno de Lalín e coa Xunta de Galicia ante as oportunidades dos fondos “Next Generation” que Lalín vai perder por non ter chan industrial dispoñible”.
Cuiña afirma que “en conversacións con varios empresarios de ámbito galego, e outros das principais empresas de Lalín, hai coincidencia en que estos fondos poden pasar de longo polo noso Concello, despois de que en outros polígonos xa dispoñan de terreo máis que suficente para novos proxectos a piques de agromar, financiados cos fondos “Next Generation””.
“Sei que o Concello está a traballar nun proxecto relacionado co turismo, mais por culpa da teima de Feijoo e Crespo de non ampliar o polígono Lalín-2000, como pedín de xeito reiterado, quedaremos en fóra de xogo para moitos proxectos industriais de grande investimento, que verían ben asentarse en Lalín pola súa situación xeográfica e conexións tanto coa Meseta coma cos portos e Portugal, mais non teñen onde”, afirma.
E engade: “Que Feijoo e Crespo non atenderan ás demandas de ampliación do polígono durante anos tanto do meu goberno como da propia AED, vai afectar non só a que non se instalen empresas de emprendedores locais e dos Next Generation, senón que tamén vai afectar ao asentamento de poboación, cando voltamos a ver no horizonte a posibilidade de perder a categoría de 20.000 habitantes, e por suposto á posibilidade de centos de empregos”.
RACSO
Por outra banda Cuiña di estar “alucinado” coa resposta de Crespo sobre a modificación do PXOM en función de se Racso recurre a sentencia ou non que dá a razón ao goberno anterior para non darlle licencia para instalarse en Botos en función dos informes técnicos, cando “no pasado mandato a esixencia de esa modificación era unha teima diaria”.
“Parece que agora xa non hai presa para que non se poidan instalar empresas potencialmente perigosas en Botos, unha vez conseguido o obxectivo do poder, e tampouco parecen existir intencións de volver ás mesmas parroquias ás que foron a mentirlle aos veciños sobre o tema de Racso, pero ao mello atópanse con que quen vai ir é Compromiso, coa sentencia na man, para que vexan quen dicía a verdade, e quen os manipulaba politicamente”, di.