Cuiña agradece a colaboración do conxunto do pobo de Lalín na Feira do Cocido e avoga por recuperar a súa vertente social

Considera que os veciñas e veciños de Lalín, máis alá de cuestións persoais ou ideoloxías, "deron unha lección de respecto e colaboración e demostraron unha vez máis estar á altura das circunstancias".
Redacción
febrero 14, 2023

O candidato á alcaldía de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, expresou o seu “máis sincero recoñecemento e agradecemento ao conxunto da veciñanza de Lalín” pola súa participación na Feira do Cocido, “unha festa do pobo e para o pobo e que, como sempre defendín tanto no goberno como na oposición, debe estar por enriba de intereses partidistas e personalistas”.

Cuiña considera que os veciñas e veciños de Lalín, máis alá de circunstancias persoais ou ideoloxías, “deron unha lección de respecto e colaboración e demostraron unha vez máis estar á altura das circunstancias”. 

“Ese é o modelo de vila que cada vez máis quere a xente e polo que eu sigo a pular cada día: un Lalín aberto, plural, acolledor, orgulloso do seu e, sobre todo, con gañas de avanzar cara o futuro con optimismo e sen estridencias”, afirma Cuiña. 

Fiel a ese modelo, o candidato de Compromiso comprométese a apuntalar algunhas vertentes da Feira, sobre todo a social, “que foi abandona polo goberno de maneira inexplicable durante este mandato”. Así, o líder de CxL avoga por recuperar o Cocido Solidario e que os comensais do xantar oficial ademais de pagar  o seu prato poñan unha cantidade máis para que a recadación se destine a fins sociais. 

Lembra que “foi unha iniciativa que puxen en marcha como alcalde e que tiña un obxectivo claro: que o Cocido sexa realmente para todos e todas, que calquera poida participar e que haxa un retorno para os que o están a pasar peor”. “Agradezco o trato do goberno de Crespo, e a el especialmente, cara a miña persoa o cortés non quita o valente”.

“Cando o pobo está á altura, o Concello tamén debe estar á altura e ten que devolverlle ao pobo parte do que o pobo lle dá”, afirma Cuiña, consciente de que “por moito que sexa unha festa, as entidades sociais e as familias máis necesitadas non poden permanecer alleas a ela”. “Non abonda so con recoñecementos simbólicos”, di, “senón hai que apoialos con accións reais e palpables”.   

Noutro eido, Cuiña tamén lembra que o Cocido é unha tarxeta de presentación de Lalín para o resto do ano. Por iso é necesario “que haxa unha constancia no mantemento, na limpeza e no coidado das rúas”. “Está ben e é imprescindible que se faga un esforzo especial nas datas do Cocido, pero ese esforzo debe ser mantido para poder sentírmonos orgullosos da nosa vila os 12 meses e non so unha vez ao ano, e o domingo pola mañán a limpeza das rúas era manifestamente mellorable”, sostén.  

Por último, Cuiña comprométese a analizar en profundidade os pros e os contras de fixar como festivo o luns posterior á Feira do Cocido. “Temos case un ano por diante para valorar a decisión que mellor se adapte ás necesidades sociais e económicas de Lalín, incluso mediante unha consulta popular”, explica. Lembra “o éxito da decisión que tomei de manter en domingo as feiras quincenais que coincidisen nese día, que agora xa ninguén cuestiona”.

“A veces”, sinala, “abonda con ser valentes para avanzar”.

Novas relacionadas