O responsable de Gandería de Compromiso por Lalín, Fernando Vilariño, pide que se dean explicacións inmediatas de por que non se lle está a pagar aos gandeiros da zona o IVE polo leite que lle venden ás distribuidoras.
Esta situación prolóngase dende o pasado 1 de xaneiro, cando se empezou a aplicar a rebaixa do IVE aos alimentos básicos nos supermercados. Dende aquela, as empresas transformadoras deixaron de repercutirllo aos gandeiros e gandeiras.
“Pasaron dous meses e a día de hoxe ninguén sabe cal é o motivo disto, nin como nin cando se vai facer efectivo ese concepto”, lamenta Fernando Vilariño. Ao mesmo tempo, comparte a opinión de moitos gandeiros, que non entenderían que a rebaixa do IVE dos alimentos acabase recaendo sobre eles.
Considera que é “urxente” que os afectados reciban explicacións canto antes porque esta situación afecta de maneira directa á xestión das explotacións e á planificación económica de moitas familias en Lalín. “Existe unha preocupación pola falta de información á que cómpre darlle resposta”, di.
Nesta liña, apela a que tanto administracións públicas como cooperativas e sindicatos “se poñan as pilas” e busquen esas información para resolver todas as dúbidas que existen sobre este asunto.
“Queremos saber se se vai pagar a tres ou a seis meses ou a ano vencido, ou que se pensa facer exactamente con esta cuestión”, di Vilariño. “O que non é normal”, conclúe, “é que se adopte unha decisión sen nin sequera informar aos gandeiros”.