Cara unha Empanada de Interese Turístico Nacional

A Asociación Amigos da Empanada confía en poder lograr esta distinción nos próximos catro anos, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da cita gastronómica.
Redacción
marzo 11, 2022

Corría o ano 1999, cando a Festa da Empanada de Bandeira obtiña, no seu 25 aniversario, a declaración de Festa de Interese Turístico Galego. Este recoñecemento, permitiu un gran desenvolvemento do evento, que continuou no novo século coa súa expansión e promoción por toda Galicia e fóra da mesma.

No 2013, a directiva liderada por Diego Cuiña presentou a primeira campaña destinada a obter o título nacional, viaxando a Santander co obxectivo de promocionar un dos pratos máis característicos da gastronomía galega.

No 2019, unha nova directiva decidiu retomar esta misión, sumando apoios de prestixiosos chefs como Martín Berasategui ou Pepe Rodríguez.

Non obstante, a irrupción da COVID-19 frustrou este segundo intento de conseguir a distinción que outorga o Ministerio de Turismo aos eventos e festexos de maior relevancia do país dende o punto de vista turístico.

Lonxe de renderse, a actual directiva de Amigos da Empanada buscará alcanzar de novo esta declaración, coincidindo co 50 aniversario da Festa da Empanada, que terá lugar no 2026.

“É a mellor e maior homenaxe que lle podemos realizar á vila de Bandeira e aos fundadores e fundadoras dunha festa única” sinala o presidente Andrés Seoane, que anuncia “a creación dunha área específica que comezará a traballar, dende xa, na procura deste novo obxectivo”.

Entre as tarefas desta área, coordinada por Cristina Quinteiro, atópanse a creación dunha ampla memoria de máis de 500 páxinas, que recollerá a orixe e a historia da festa, o seu valor cultural, orixinalidade, diversidade e alcance como atractivo turístico, así como o arraigo da celebración na localidade entre outras cuestións.

Por outra banda, a asociación despregará un ambicioso plan de difusión que buscará realizar, nos próximos catro anos, un mínimo de vinte impactos ou repercusións relevantes en prensa e medios de comunicación online e offline, así como en medios de radio e televisión.

Alfonso Mato, tesoureiro da organización, confirma que a partida dedicada a este fin aumentará de forma progresiva ata alcanzar un 10% do total da financiación da festa. Este aumento, permitirá ademais a creación dunha páxina web oficial da festa e potenciará as redes sociais que agora pasan a denominarse “Festa da Empanada” nas diferentes plataformas como Instagram, Facebook, Twitter e TikTok.

“Somos unha asociación sen ánimo de lucro, conscientes das nosas limitacións, polo que só o lograremos se contamos co apoio e compromiso de toda a vila, empresas privadas e institucións públicas como o Concello de Silleda, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia” recalca Andrés Seoane, que espera manter encontros con todas as partes implicadas nas vindeiras semanas. 

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.