Camiñas pide un “goberno de concentración” para “sacar a Rodeiro do caos”

Reclama a saída do goberno da concelleira de Economía e do edil de Obras e que sexan substituidos por un concelleiro do PSOE e outro de Unidade por Rodeiro.
César Carracedo
febrero 10, 2023

O secretario xeral do PSdeG-PSOE e candidato á Alcaldía de Rodeiro, José Luis Camiñas, ofrécelle ao alcalde e ao Partido Popular unha vía de urxencia para sacar a Rodeiro da “parálise total e absoluta e do caos no que se atopa”.

Camiñas considera que diante da constatación de que Rubén Quintá e a xente que o rodea non son quen de “dar conta do recado” da xestión municipal debería producirse un Goberno de concentración entre tódalas forzas políticas ata as próximas Eleccións Municipais do 28 de maio.

“Son consciente de que é unha proposta pouco común, pero a gravidade da situación obríganos”.

Camiñas reclama a dimisión ou cese por parte do alcalde, da concelleira de Economía, por “pretender presentar uns Orzamentos moi deficientes para a veciñanza de Rodeiro, tampouco foi quen de executar os 800.000 euros de remanente do ano 2021, que seguen pendentes da resolución dunha alegación e que eran moi necesarios para invertir nestas aldeas abandoadas á súa sorte”. Por non falar, engade, dos 40.000€ mensuais que está retendo o Estado “por non enviar un simple papeliño”…

“Rodeiro ten bloqueados os ingresos que envía o Estado por non cumprir as máis elementais normas de contabilidade que o resto dos concellos desta provincia e de Galicia son capaces de cumprir, sospeita tamén Camiñas, a perda dunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental, que serían otros 32.000€ “o caos económico do noso concello é incalculable”.

Ademais propón tamén a inmediata destitución do concelleiro de Obras, “polo abandono e o desastre que se está a producir no rural do noso concello, onde non se ven investimentos nin actuacións municipais que vaian dirixidas a melloralo”.

Para suplir estas dúas vacantes proponse a incorporación á Xunta de Goberno Local do concelleiro actual do Partido Socialista, cas competencias de Economía, e de un concelleiro de Unidade por Rodeiro cas competencias de Obras.

O candidato socialista invita ao alcalde “a deixar de botar balóns fóra e a deixar de facer o ridículo máis espantoso, encargando informes á Universidade de Santiago, para tratar de coartar aos grupos municipais da oposición”. “Máis que asustar, provoca vergoña allea”, di.

E incide en que “o alcalde debe sentarse a dialogar, actuar cun mínimo de humildade e respectar ás veciñas e veciños que deron o seu voto a outras formacións políticas. O Concello é un órgano democrático e o primeiro principio da democracia é o diálogo. Se quere aprobar o Orzamento debe escoitar, atender e incorporar as lexítimas aspiracións e propostas dos grupos da oposición. Máis aínda cando o Orzamento de Rodeiro para 2023 é papel mollado no que tan só hai cartos que chegan da Deputación”.

“Con esta proposta cutre de Orzamentos, que son un simple corta-pega do Plan Concellos da Deputación, sen un peso da Xunta de Galicia e sen un peso de fondos propios do Concello, hai ben pouco que negociar. Se o alcalde quere sacar adiante os Orzamentos que os e as rodeirenses merecen, que se poña a traballar, é dicir, a falar coa oposición. Mellor lle iría”, conclúe Camiñas.

Novas relacionadas