Autorizan a contratación das obras de mellora do saneamento de Lalín

Suporán un investimento de máis de 6,7 millóns de euros e prevén a execución dun tanque de tormentas no río Pontiñas e novos colectores.
Redacción
marzo 10, 2022

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación das obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín, que suporán un investimento autonómico de máis de 6,7 millóns de euros e que prevén a execución dun tanque de tormentas no río Pontiñas e novos colectores.

Nas vindeiras semanas a Consellería de Infraestrutura e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitará estas obras, que se prevé comezar a principios do vindeiro ano 2023.

Os traballos terán un prazo de execución de 12 meses e están identificados como prioritarios no Plan director de saneamento do núcleo de Lalín impulsado pola Xunta, para mellorar o funcionamento da rede de saneamento municipal, reducindo o número e volume de verteduras.

A execución dos traballos será financiada integramente polo Goberno galego e contará co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

As obras obxecto de contratación

O obxecto das obras cuxa contratación se autorizou hoxe, consisten na renovación da rede de saneamento do núcleo urbano de Lalín para dotalo dun maior volume de almacenamento, mediante novos colectores interceptores e a construción dun tanque de tormentas.

Cos datos e as conclusións recompiladas durante a redacción do Plan director de saneamento local, determinouse a necesidade de aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e a inserción na rede dun tanque de tormentas que permita a regulación do sistema durante os episodios de choiva. Estas dúas actuacións considéranse necesarias para reducir e minimizar as verteduras de auga sen tratar ao medio, que adoitan acontecer en episodios de choiva.

A intervención na rede de colectores interceptores céntrase na execución de 4 treitos principais, con diámetros desde 400 mm a 2.000 mm, e pequenos treitos de entroncamento para a conexión coa rede existente. Tamén se deseña un alivio desde o tanque de tormentas e unha condución de baleirado do tanque. Esta última funcionará por gravidade e conectarase á rede de saneamento existente conducindo o caudal ata a depuradora de Lalín.

É dicir, executaranse os novos colectores das marxes esquerda e dereita do río Pontiñas; o colector que recolle as augas residuais da zona sur para conducilas ao tanque de tormentas, e, por último, o colector que recolle a rede de saneamento da parroquia de Donramiro.

En canto á construción do tanque de tormentas a estrutura estará semisoterrada e deseñada para un volume de retención de 5000 m3. O tanque baleirarase por gravidade para o que se instalará unha válvula vórtex, en cámara semiseca, que limitará o caudal máximo permitido pola futura ampliación da estación depuradora de augas residuais para esta bacía do río Pontiñas.

Construirase un edificio auxiliar, no que se instalará un pretratamento inicial con pozo de grosos e reixas de desbastamento, que recibirá todo o caudal de chegada. O aliviadoiro disporá dun tamiz con paso de sólidos de 6 milímetros, deste xeito o caudal aliviado desde o tanque recibirá un pretratamento antes da súa vertedura.

Integración paisaxística

A actuación prevé, ademais, que o propio tanque de tormentas estea integrado paisaxisticamente, coa disposición dun parque infantil e a plantación de árbores e arbustos na contorna.

Novas relacionadas