Arrancou o Mes do Cocido de Lalín

O Concello afirma que Lalín é un "destino gastronómico seguro"
Redacción
enero 15, 2022

Arrancou hoxe o ‘Mes do Cocido’, co que se dá inicio á LIV Feira do Cocido.

O Mes do Cocido prolongarase entre este sábado e o 14 de febreiro, cunha edición que “aínda non poderá ser a gran edición da Feira” que espera a alcaldía, pero da que asegurou que “vai funcionar moi ben”, segundo afirmou Crespo.

Na presentación deste vixésimo cuarto ‘Mes do Cocido’, o Goberno municipal subliñou Lalín como “destino gastronómico seguro” e asegurou que “farán da necesidade unha virtude” coa programación de actividades en torno ao cocido desde xaneiro até maio.

Na rolda de prensa da presentación, destacáronse as posibilidades da feira para a hostalaría e o comercio, cos que a alcaldía se comprometeu a “facer un esforzo importante” para que todas as fins de semana dos meses de abril e maio haxa actividades importantes.

Durante a súa intervención, Crespo subliñou que a pandemia acelerou a ampliación do ‘Mes do Cocido’ máis aló de febreiro, unha idea que, segundo o alcalde, barallaban desde facía anos. Ademais. sinalou que o pasado ano “serviuse cocido no verán” e que espera que co paso do tempo sexa un prato permanente da hostalaría lalinense.

Ademais, o Concello de Lalín quixo destacar a importancia do cocido para a localidade, aseguraron que funciona en tres vertentes: como dinamizador da economía desde a hostalaría, coa achega de visitantes durante unha gran parte do ano e como imaxe de marca do municipio.

EVENTOS DO MES DO COCIDO

Durante este mes iranse presentando as distintas actividades que o Concello planificou para promocionar o ‘Mes do Cocido de Lalín’.

O primeiro destes eventos será a presenza do ‘Cocido’ no Fitur de Madrid, onde o Goberno local asegurou que teñen programadas varias reunións de traballo enfocadas á difusión da Feira, con iniciativas como emparellar a marca a outros proxectos gastronómicos ou proxectos similares a esta.

Ademais, a finais de xaneiro, levará a cabo unha xornada con influencers locais para que as súas plataformas sirvan á difusión do Mes do Cocido e á Feira e, en particular, enfocado a captar a un público máis novo. A xornada repetirase o 20 de febreiro, e nesa ocasión contará con influencers galegos e nacionais que convidarán os seus seguidores a visitar Lalín.

Así mesmo, o Concello de Lalín xa puxo data á ‘Carreira do Cocido’, que se celebrará o 13 de marzo, e ao día de Laxeiro, que será o 1 de abril. Lalín acollerá eventos todas as fins de semana desde o 3 de abril até o 22 de maio, entre eles, o día grande da ‘Feira do Cocido’ que será o 24 de abril, para o que se programaron concertos, actividades e a apertura dunha carpa para a exposición de produtos.

Por último, o consistorio adiantou que están a traballar nunha colaboración coa Xunta para os ‘Cocidos do Camiño’ que une gastronomía, música e cultura co Camiño de Santiago.

Ademais, a alcaldía asegurou que traballan para presentar dúas solicitudes ás axudas de Turismo dos fondos Next Generation.

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.