Mariña López Rodríguez, moza da Bandeira e estudante do Ciclo Superior de Márketing e Publicidade na EFA Piñeiral, é a nova incorporación da directiva da Asociación Amigos da Empanada de Bandeira.
Con esta nova fichaxe o equipo queda conformado por un total de 24 mozos e mozas, sendo a última incorporación a integrante máis moza da plantilla con tan só 18 anos. O obxectivo desta nova adhesión é crear un departamento de comunicación específico que lidere a estratexia dixital da entidade.
Andrés Seoane, que acompañará a Mariña López no novo departamento, quixo destacar o compromiso de todos os participantes da actual directiva e agradecer a Mariña que aceptara sumarse ao proxecto: “Non somos só un equipo de traballo, somos unha auténtica familia que está a dar o máximo para que Bandeira e a Festa da Empanada sexan coñecidas en todo o país pola súa calidade e diversidade”.
En consonancia con este obxectivo, Mariña López apuntou que “as redes sociais serán fundamentais para o éxito da Festa da Empanada e para que a xente poida colaborar e aportar as súas ideas, en definitiva, facer as festas con nós”. Unha colaboración que “xa estamos a presenciar no Instagram (@amigosdaempanada) e Facebook (Asociación Amigos da Empanada) onde nos últimos días centos de seguidores enviaron de forma masiva as súas preferencias en canto a grupos e pregoeiros se refire”.
“Lemos todas as propostas e debatemos a súa viabilidade nas reunións” confirma López, que anima a seguir participando baixo o lema A UNIÓN FAI A FESTA.
Por outra banda, Amigos da Empanada ven de estrear unha conta na rede social Tiktok (@amigosdaempanada) na que mostrarán aos seus seguidores e seguidoras como é a organización dunhas festas de forma humorística.
Ademais, tras a primeira reunión presencial celebrada este sábado, a directiva anuncia novidades para este ano que se anunciarán nas próximas semanas a través dos medios de comunicacións comarcais.