Martes de Entroido. Podería parecer unha falcatruada ou unha broma propia do día. Pero non: non é unha broma. Ou, cando menos, non o parece porque, de selo, sería de bastante mal gusto.
O alcalde de Agolada, Luís Calvo, vén de facer pública unha carta dirixida ao embaixador de Ucraína en España na que, entre outras cuestións, manifesta literalmente que “tanto eu mesmo, como o Sr. Tenente de Alcalde D. Oscar Val García, estamos á súa enteira disposición para ir combater contra as forzas opresoras rusas en canto vostedes o consideren oportuno”.
Na misiva -asinada polo propio rexedor e con membrete e selo oficial do Concello de Agolada- Luís Calvo, expresa en primeiro lugar “o noso máis absoluto rexeitamento á invasión rusa en territorio ucraíno”.
Tamén lle manifesta ao embaixador (Serhiy Pohorelzew) que “ten á súa disposición toda a colaboración posible por parte desta Alcaldía para acoller aos seus compatriotas e toda a axuda humanitaria que precisen en que estea nas nosas mans”.
Ata aquí nada que se saia dos pronunciamentos institucionais habituais neste tipo de situacións.
É no seguinte parágrafo -o terceiro- cando Calvo e Óscar Val García se ofrecen case como soldados de fortuna en defensa do pobo ucraíno. Iso si, o que non se aclara é quen defenderá ao pobo agoladés mentres eles estean en campaña militar…
En fin… Tendo en conta que estamos en martes de entroido, permítasenos a retranca: non cremos que o ofrecemento vaia mudar en moito o taboleiro xeoestratéxico internacional, pero realmente agardamos expectantes pola reacción do embaixador ucraíno ante esta proposta.
Aceptará Zelenski alistar ao alcalde e ao teniente no bando ucraíno?