O concello de Agolada conta cun novo camión bañeira para atender as infraestruturas municipais sufragado con 74.900 euros achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.
Esta adquisición foi presentada hoxe polos deputados provinciais Santos Héctor e Manuel González, quen xunto ao alcalde de Agolada, Luis Calvo, coñeceron de preto as características do vehículo.
Para o concello de Agolada era “importante contar cun camión bañeira, tanto pola extensión das vías do municipio como pola continua necesidade de atender en subministración, obras de infraestruturas e servizos sociais a súa veciñanza”.
Deste xeito, Agolada decidiu destinar os recursos provinciais a manter en bo estado os seus camiños municipais da man do Plan Concellos da Deputación, co que tamén financiou subministración de material para reparar fochas (55.000 euros), asfaltados (200.000 euros) e melloras de camiños con firme de saburra (39.000 euros).
Ademais, o concello de Deza tamén dedicou de xeito case íntegro os recursos do Plan 2021 a este tipo de obras.
O Plan Concellos é a grande aposta da Deputación de Pontevedra para achegar recursos ordinarios aos concellos da provincia de ata 50.000 habitantes, respectando a súa autonomía.
De feito son os gobernos locais, que coñecen máis de preto as necesidades da súa veciñanza e xestionan a prestación adecuada dos servizos e actividades da súa competencia, os que deciden en que invisten os recursos provincias.
A través deste plan Agolada ten recibido da Deputación case 4 millóns de euros desde 2016 dos que 900.000 euros corresponden ao Plan Concellos 2022-2023.