AED e Amicos colaborarán na integración laboral e social de persoas con discapacidade

A patronal cederá un espazo dentro das súas instalacións para atender ás persoas con discapacidade demandantes de emprego que residan na comarca. Amicos tamén ofrecerá un Servizo de Asesoramento para Empresas coa finalidade de que as firmas asociadas asuman prácticas de contratación responsable e aumenten as oportunidades de inserción para persoas con discapacidade.
Redacción
marzo 14, 2022

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Amicos para desenvolver actividades orientadas a favorecer a integración social e laboral das persoas con discapacidade existentes na Comarca de Deza, así como para mellorar a súa empregabilidade mediante o asesoramento e a formación.

O acordo foi asinado polo vicepresidente David Campos en representación da AED, mentres que por parte de Amicos asistiron o responsable da área de Emprego e Empresas, Miguel Beiro Caamaño, e o técnico Pablo Penide Requeijo.

O acordo de colaboración establece que a patronal dezana cederalle á Asociación Amicos un espazo dentro das instalacións situadas na rúa Otero Pedrayo de Lalín para que poida realizar as funcións de atención ás persoas con discapacidade da comarca que sexan demandantes de emprego.

Radicada na localidade coruñesa de Boiro, a Asociación Amicos é un colectivo sen ánimo de lucro especializado na atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e as súas familias.

Para conseguir o obxectivo último de favorecer o acceso a empregos de calidade das persoas con discapacidade, os técnicos de Amicos desenvolverán actividades de orientación, información e asesoramento na búsqueda de emprego e formación, realizarán diagnósticos individualizados dos diferentes perfís existentes e deseñarán itinerarios personalizados, levarán a cabo tarefas de prospección empresarial, planificarán accións grupais de orientación e coordinarán accións formativas, entre outras actividades.

Ademais, Amicos tamén ofrecerá un Servizo de Asesoramento para Empresas coa finalidade de que as firmas asociadas á AED asuman prácticas de contratación responsable e aumenten as oportunidades de inserción para persoas con discapacidade.

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.