A Xunta inicia a redacción do plan básico municipal de Dozón

É a segunda fase do proceso tras os traballos de cartografía.
Redacción
enero 7, 2022

Empeza a segunda fase do plan básico municipal de Dozón, que consitirá na súa redacción.

Con ese obxectivo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar os contratos do acordo marco para o servizo de redacción deste instrumento de ordenación, pensado para os concellos de menos de 5.000 habitantes. O importe global destes contratos supera os 530.000 euros, para diferentes municipios galegos, ademais do de Dozón.

Nun comunicado, a Xunta lembra que a financiación dun plan básico municipal é unha das vías “para apoiar ás administracións locais na meta de contar cunha ferramenta que lles garanta unha ordenación responsable e sustentable do seu termo municipal e que está recollida na Lei do solo”.

A adxudicación deste contrato é a continuación dos traballos necesarios para obter a cartografía das 100.000 hectáreas que suman os nove concellos beneficiados por esta iniciativa.

A Xunta defende que “o urbanismo é unha tarefa que precisa do traballo de todos, por iso seguirá ao carón das administracións locais concedendo 3,2 millóns de euros en 2022 en axudas para a redacción dun PXOM ou para a elaboración dun plan básico, tal e como fai con 18 concellos que apostan polo mesmo, así como prestando o apoio e asesoramento técnico que necesiten”.

O obxectivo do Goberno galego é “acadar que todos os concellos galegos conten un planeamento que protexa e poña en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo”.

Novas relacionadas