A Xunta financia 23 cursos de acción formativa para desempregados nas comarcas de Deza e Tabeirós

Fai unha achega de 1,2 millóns de euros.
César Carracedo
octubre 16, 2021

A Xunta de Galicia acaba de aprobar a axuda para financiar 23 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) nas bisbarras de #Deza e Tabeirós-Terra de Montes cun investimento de case 1,2 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución este mediodía nunha visita ás instalacións de Formación Técnica #Silleda (Fortec).

“Tras a concesión de catro obradoiros de emprego nas bisbarras, a Xunta segue apostando pola formación e a inserción laboral, xa que contaremos con 425 participantes en todas estas iniciativas”, explica o representante autonómico.

As Accións Formativas para Desempregados (AFD) comezarán neste mes de outubro e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de xuño, xa que a súa duración oscila entre as 138 e as 768 horas dependendo do contido.

En total serán seis as entidades que impartirán os 23 cursos AFD nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha carga lectiva global de 12.094 horas. As empresas encargadas desta formación na bisbarra do Deza son Academia Paidos, Fundación de Estudios e Análisis (Fesan), Autoescuela España e Formación Técnica Silleda (Fortec).

En canto aos 𝙘𝙪𝙧𝙨𝙤𝙨 𝘼𝙁𝘿 que se impartirán nestas comarcas, a tipoloxía é moi variada e inclúe programación de sistemas informáticos, organización de transporte, competencia en matemáticas, comunicación en lingua castelá, instalacións de climatización, operacións auxiliares de albanelería, control de obras de edificación, soldadura, xestión da produción e fabricación mecánica, automatización industrial, transporte sanitario e atención sociosanitaria a persoas en domicilio, entre outras.

Novas relacionadas